Site icon Crónica3.com A Mariña

O Mosteiro de Lourenzá acollerá unha proposta artística do ciclo ‘Monumenta’ para difundir o patrimonio restaurado

Lugo, 12 de novembro de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achega a Lugo o ciclo ‘Monumenta: difusión do patrimonio restaurado’, unha iniciativa que programa actividades culturais en monumentos das catro provincias galegas onde se realizaron recentemente ou está previsto levar a cabo restauracións de interese artístico e arquitectónico.

O primeiro escenario lugués será, o 17 de novembro, a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada, onde a Consellería ven de rematar os traballos de recuperación das pinturas murais que decoran o muro norte, que permanecían tapadas. A intervención, que contou cun orzamento total de 42.937 euros, descubriu un mural sobre o Xuízo Final, espectacular tanto polo estado xeral de conservación como pola orixinalidade, a integridade iconográfica e a calidade estilística dos frescos, que datan de mediados do século XVI.

Para afondar na difusión e posta en valor do patrimonio recuperado, o ciclo ‘Monumenta’ propón un programa de dinamización artística en espazos de interese patrimonial coa participación da cidadanía, para descubrir e promover colectivamente os monumentos nos que se levará a cabo a iniciativa.

Por iso, a primeira actividade en Santa María de Nogueira de Miño consistirá nun obradoiro para familias sobre a restauración das pinturas e un faladoiro cos veciños e veciñas do lugar, que recollerán as súas lembranzas vinculadas ao templo. Comezará ás 16.30 horas. A continuación, ás 17.30 horas, haberá un concerto coa Coral Polifónica de Chantada.

Para rematar o acto, Xurxo Souto, cantante, acordeonista, escritor, locutor e licenciado en filoloxía clásica, establecerá un diálogo cos integrantes da Coral que permitirá afondar no traballo que a agrupación ven realizando dende 1964.

Mosteiro de Lourenzá
Precisamente outra das características do ciclo consiste na elección de artistas e formacións vinculadas cos lugares nos que se desenvolve. Así, a actuación prevista para o día 1 de decembro no Mosteiro de Lourenzá leva por título “Unha faba, unha vida…”, e ofrece unha performance músico-poética de UgMove, isto é, Ugía Pedreira e Marina Oural Villapol, coa faba como escusa principal.

O acto comezará ás cinco da tarde; antes, ás 11.30 horas da mañá, haberá un obradoiro infantil sobre as fachadas das igrexas.

É importante lembrar, que recentemente a Consellería de Cultura e Educación investiu case 6.000 euros para a realización de labores de consolidación na fachada do Mosteiro de Lourenzá, realizando traballos de cantería para recuperar parte dos elementos ornamentais da fachada do templo.

Exit mobile version