Site icon Crónica3.com A Mariña

O MPL acolle a primeira gran mostra en Galicia sobre a produción cerámica de Díaz Pardo

inauguracion-diazpardoLugo, 14 de novembro de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, inaugurou, este xoves, no Museo de Lugo ‘A Vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo’, unha exposición que recolle unha selección da obra cerámica do intelectual galeguista, pintor, ceramista, deseñador e editor Isaac Díaz Pardo, que estará aberta ao público na sala de exposicións do museo desde hoxe e ata o vindeiro 2 de febreiro.

Esta exposición, que está formada por máis de 350 pezas, recolle a evolución creativa da cerámica de Isaac Díaz Pardo dende finais dos anos corenta do século pasado ata os seus últimos deseños, xa no século XXI.

Trátase da gran primeira mostra realizada en Galiza sobre produción cerámica levada a cabo por Díaz Pardo e na que figuran as obras orixinais dos seus comezos nesta actividade artística, así como tamén os últimos prototipos deseñados por el e os seus colaboradores, entre os que cómpre destacar a Luís Seoane, co que funda o Laboratorio de Formas, pasando pola creación das fábricas de O Castro, Magdalena e Sargadelos. A mostra inclúe tamén debuxos e bosquexos inéditos de Isaac Díaz Pardo de pezas realizadas nestas fábricas.

Durante a súa intervención, Mario Outeiro explicou que “a obra cerámica de Isaac Díaz Pardo é o resultado dun proxecto desenvolto durante máis de sesenta anos que, ademais, se converteu nunha das experiencias culturais e empresariais máis importantes da Galiza contemporánea. Seguindo os principios vangardistas da unión arte-industria e tendo sempre presente o seu compromiso con Galiza, creou un modelo de empresa na que os beneficios reverten en cultura coa finalidade de contribuír á modernización desta terra e á recuperación das súas raíces”.

Neste sentido, o delegado de Cultura destacou “a faceta artística de Díaz Pardo e o feito de que fose quen de asentar un modelo empresarial fondamente ligado á produción e difusión cultural que repercutiu de maneira excepcional no tecido cultural galego”.

Igual que Díaz Pardo puxo en marcha un proxecto que irradiou durante décadas o panorama cultural galego, o Museo de Lugo convértese con esta exposición no eixo da cultura galega. Isto non fai máis que confirmar o magnífico traballo que se está a desenvolver desde a institución museística e a Área de Cultura da Deputación á hora de lograr que o Museo sexa a entidade cunha aposta máis seria, extensa e continuada a prol da dinamización cultural de Lugo.

Mario Outeiro rematou lembrando que “hoxe en día, Sargadelos está a atravesar uns momentos complicados desde o punto de vista da súa viabilidade económica, con ducias de postos de traballo perigando. Cremos que a exposición que hoxe inauguramos pode axudar de maneira modesta a revalorizar a súa cerámica, contribuíndo a poñer en valor e facendo que nós mesmos nos deamos conta da importancia que ten o proxecto emprendido por Isaac Díaz Pardo”.

Exit mobile version