Site icon Crónica3.com A Mariña

O Museo Histórico de Sargadelos acolle a presentación da obra de Leal Bóveda que investiga as construcións da Mariña de Lugo relacionadas co ciclo do pan

Cervo, 8 de novembro de 2013. O Museo Histórico de Sargadelos acollerá mañá a presentación da obra “O ciclo do pan e as súas construcións na Mariña de Lugo. Eiras, cabozos, muíños e fornos”, de José María Leal Bóveda, con poemario e historias de Paco Rivas.

O acto, que promove o Padroado do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos -adscrito á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria-, dará comezo ás seis da tarde e contará coa presenza do propio autor así como do escritor Paco Rivas e do profesor Bernardo Penabade Rei como presentador e moderador.

José María Leal expón na obra os resultados da súa investigación sobre as distintas construcións que interveñen na elaboración e conservación primeiro da fariña e logo do pan, reivindicando o patrimonio industrial e a cultura tradicional asociada ao que denomina “o ciclo do pan”.

Leal Bóveda, experto en xeografía e en xestión de Patrimonio Cultural, ten publicados diversos libros de investigación sobre o patrimonio galego, e en concreto varios sobre estruturas singulares como os hórreos e os muíños.

Forma parte de destacados organismos culturais, mesmo internacionais como o Icomos (Unesco), sendo tamén membro asociado do Museo do Castro de Viladonga, o Museo do Pobo Galego e a Sociedade Galega de Xeografía.

O autor recibiu, entre outros recoñecementos, o premio especial de investigación etnográfica “Alfredo García Alén” do Museo de Pontevedra –en dúas ocasións- e o Premio Zéneca Agro “Un anaco da nosa Cultura”.

Exit mobile version