Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno Provincial esixirá mañá a Xunta e Goberno Central que paralicen a inminente venda de NGB

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, anunciou este luns que o grupo ó que representa na Deputación leva unha moción ó Pleno Provincial deste martes coa que esixe a Xunta e Goberno Central que paralicen “a inminente venda de NGB para seguir recuperando os case 10.000 millóns de euros de cartos públicos inxectados nesta entidade e asegurar o mantemento dos 4.300 postos de traballo que xera”.

Martínez subliñou que, segundo os últimos datos públicos, NGB xerou uns beneficios de 90 millóns de euros, cinco veces máis do previsto no plan de recapitalización, poñendo en manifesto que a entidade está funcionando, xa que é un proxecto “perfectamente viable”. “Se esta tendencia se mantén no tempo, é obvio que o valor de NGB no futuro será moito maior, facendo posible que o FROB, que achegou a esta entidade, exactamente, 9.853 millóns de euros de todos os contribuíntes, recupere estes cartos”, asegurou.

O Goberno Provincial rexeita á venda de NGB antes do 2017, que é o prazo fixado por Bruxelas, e mantén que atrasar a venda desta entidade ata entón ofrece posibilidades de recapitalización por parte dos empresarios galegos para garantir a súa territorialidade en Galicia, tanto da súa dirección, como da súa actividade bancaria, e para manter emprego.

Pola contra, o Goberno galego está de acordo co adiantou do proceso de venda de NGB, feito que suporía a destrución de traballo e a perda de preto de 8.400 millóns de euros, xa que só se chegarían a recuperar 1.500 millóns de euros, dos máis 10.000 millóns de euros inxectados. “É innecesaria a rapidez coa que se pretende saldar NGB. Feijóo debe explicar ós galegos o porqué da celeridade da venda e a que intereses responde, cando se perden cartos públicos e postos de emprego”, remarcou o voceiro.

Presuposto 2014
O Pleno debaterá a moción dos grupo provincial socialista, ó tempo que abordará o Presuposto da Deputación para 2014, dotado de 89 millóns de euros e coa creación de emprego como “máxima prioridade”. Deste xeito, o investimento directo para este fin é de 12,8 millóns de euros, subindo nun 90% en dous anos. Preto de 3 millóns de euros son para servizos sociais, partida que se reforza cos 15 millóns de euros para a rede de residencias e centro de día públicos na provincia. A institución achega 4,5 millóns de euros para rematar o primeiro centro público en España de recría de gando vacún e 7,4 millóns de euros para investimentos nos 67 Concellos lugueses. Con este Orzamento, que non baixa con respecto ó 2013, o organismo provincial segue a impulsar proxectos de futuro, ó tempo que garante contas saneadas, solventes e estables, manténdose á cabeza das Deputacións de España menos endebedada.

Exit mobile version