Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP agradece que a ministra “fale no BOE” e adxudique as obras que se prevé que solucionen os problemas das escorrentías en Mondoñedo

CANDIA OLANOMondoñedo, 28 de novembro de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo, a través da súa voceira Elena Candia, agradece que a Ministra de Fomento, Ana Pastor, “fale no BOE”, -tal e como asegurou a responsable do departamento central en ocasións-, e adxudique as obras que se prevé que solucionen os problemas das escorrentías en Mondoñedo.

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o anuncio de formalización de contratos do proxecto das obras complementarias da Autovía do Cantábrico (A8), no tramo Mondoñedo-Lindín, por un importe superior aos 7,6 millóns de euros (7.684.795,35 euros) e que inclúe actuacións, entre outros núcleos, nos barrios de Monfadal, Grove, Reguengo, San Paio, Ramís e Vigo.

A voceira dos populares reitera o traballo meticuloso do Ministerio de Fomento que soubo apreciar a importancia desta demanda e a través de vía oficial confirma este investimento do Goberno Central no concello de Mondoñedo.

Compromiso asumido polo PP
Esta adxudicación permite dar resposta a un compromiso asumido polo partido local, segundo explica Candia, tralas denuncias de inundacións que sufrían os veciños dado os trastornos ocasionados pola Autovía do Cantábrico ao seu paso por Mondoñedo.

A popular explica que houbo que agardar á chegada do PP ao Goberno central para que fosen escoitadas por primeira vez as demandas dos veciños. Primeiro realizáronse os estudos técnicos que indagaban a orixe destas inundacións; posteriormente analizáronse as solucións técnicas e agora veñen de dotar co orzamento e adxudicar estas obras complementarias, matiza.

A maiores, os populares locais manifestan a súa intencionalidade de estar especialmente vixiantes da execución deste proxecto e a que se dean solucións aos diferentes problemas xurdidos á raíz das obras na A-8.

Respaldo dos representantes do Goberno Central en Lugo
Os populares agradecen o traballo emprendido e amosado polos representantes do goberno na provincia, tanto a través do subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, como do presidente do PP de Lugo e portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro, e do deputado nacional, Jaime de Olano, que souberon transmitir ao Ministerio de Fomento a importancia deste plan complementario que agardamos que permita que esta demanda sexa unha realidade e se solucionen as inundacións que sufrían os veciños, tanto en casas como colleitas en días de choiva debido ás obras na A-8.

Actuacións incluídas
Este plan complementario inclúe, entre outras, as seguintes actuacións:
a) Mellora na captación das augas de escorrentía no Grove
b) Mellora na captación de augas no depósito de Vigo, sendo necesaria a traída de augas dende o depósito de Monfadal ata o depósito de Vigo
c) Mellora na drenaxe das viais municipais do Reguengo e Vigo
d) Restablecemento do suministro de auga nun depósito do Ramís e nova traída de augas dende o Monfadal

Exit mobile version