Mondoñedo, 09 de novembro de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo alerta de que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deixa varias bolsas de terreos supeditadas a plans especiais.
Desta forma, os populares explican que o desenvolvemento destas zonas queda sen regular e, polo tanto, supeditado a acordos entre propietarios que, en moitos casos, se tornan complicados.
O Partido Popular de Mondoñedo informa que as zonas afectadas son os barrios dos Muíños e San Lázaro, así como contorno do conxunto histórico e zona Valiñadares. Así, os plan especiais son o de Protección e Rehabilitación do Barrio dos Muíños e contorno do Conxunto Histórico; Protección e Rehabilitación do Barrio de San Lázaro e Ordenación do Sistema Xeral do Parque Lineal de Valiñadares.
Neste último caso, no parque lineal de Valiñadares, os populares xa alertaron do elevado número de metros que ían en expropiación, un total de 40.853.
Aos populares preocúpalles que no Plan Xeral de Ordenación Municipal, en período de exposición pública, no se estea a dotar de seguridade xurídica estas localizacións, o que amosa un aspecto claro de inacabado, afectando a dúas zonas importantes como son San Lázaro e os Muíños.
Compromiso de información
Os populares reiteran o seu compromiso de manter informados aos veciños sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal e lembran que con este fin abrirán todos os sábado a sede, en horario de mañá, de 10:30 a 13:30 horas.
Neste mesmo senso, dende o PP explican que a información está tamén dispoñible na páxina web do Concello ao tempo que avogan pola importancia de que os veciños se interesen polo estado das súas propiedades, para que en consenso e coas achegas de todos se podan corrixir as deficiencias e facer propostas.