Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas critican que “o PP rexeite declarar Ben de Interese Cultural Sargadelos en Cervo e négase a que a Xunta dea conta do financiamento público”

lara-mendezO Partido Popular rexeitou este martes no Pleno a enmenda de engádega do grupo provincial socialista á moción relativa a Sargadelos que se debateu na sesión. Trátase dunha proposta da Vicepresidenta Segunda, que dá resposta as reclamacións dos propios traballadores da factoría cervense, sendo froito dos encontros que a Deputada mariñana mantivo, persoalmente, con representantes do Comité de Empresa. A negativa do PP supón o rexeitamento dos populares ós seguintes acordos:

1.- Esixir á Xunta de Galicia que inicie as xestións pertinentes para a ampliación de declaración de Ben de Interese Cultural á cadea de produción e á galería da fábrica de cerámica de Sargadelos no Concello de Cervo.

2.- Instar á Xunta de Galicia que dea conta do investimento público para a realización dun plan de viabilidade, coa axuda da Consellería de Economía e Industria, valorada, inicialmente en 1 millón de euros, que resultaron 350.000 euros a fondo perdido e 600.000 a través dun préstamo.

Lara Méndez explicou que “para poder preservar un Ben de Interese Cultural, primeiro ten que estar catalogado como tal. Esta é un proposta dos propios traballadores que busca preservar a actividade da factoría de Sargadelos en Cervo e, polo tanto, os postos de emprego que xera”. A Vicepresidenta tamén aclarou que pedir á Xunta que dea conta dos cartos públicos que achegou “non é con ánimo de atopar culpables, senón con vistas de futuro. Se o plan de viabilidade non funcionou, temos que saber cales foron os motivos para non volver a caer nos mesmos erros”. A pesares das reiteradas explicacións da Vicepresidenta, o PP non mudou de parecer e non aceptou a enmenda do PSOE.

Unanimidade: “Nós non botamos balóns fóra”
En contraposición, o Goberno Provincial si votou a favor da moción do PP para que a Deputación de Lugo colabore con Sargadelos, acadando a unanimidade do Pleno. Lara Méndez subliñou que “levamos dende 2007, dende que chegamos ó Goberno Provincial, colaborando con Sargadelos, promocionando a súa actividade. E isto non vai a mudar porque a nosa prioridade son as persoas, o emprego. Coñecemos de primeira man, con nomes e apelidos, a situación que atravesan os traballadores da factoría cervense, que levan 4 anos de sacrificios para manter os seus empregos. Nós non vamos a botar balóns fóra”.

Neste senso, Méndez lembrou que, no 2010, o PSOE no Concello de Cervo levou unha moción ó Pleno municipal, esixindo á Xunta que rexeitase o ERE de Sargadelos, “que, por aquel entón, podía paralizar”, que impulsase un plan de viabilidade e que facilitase colaboración a través dos instrumentos dos que dispón, como o IGAPE. Pola súa banda, o PP presentou unha enmenda á moción dos socialistas, que saíu adiante, coa que rexeitou a paralización do Expediente de Regulación de Emprego, ó tempo que tamén solicitou colaboración ó Goberno Central, mediante o ICO.

“Isto é reflexo de que o PP sempre bota balóns fóra. No 2010, tentaron culpar ó Executivo de España, porque non era da súa cor política e, agora, fanno coa Deputación, porque saben que é a única institución que responde en Lugo ante unha Xunta desaparecida nesta provincia, que suplimos. Nos colaboramos con Sargadelos e seguirémolo facendo porque o noso único interese é preservar a actividade da factoría e os seus empregos”.

Como nova mostra da boa disposición e vontade do Goberno Provincial a buscar solucións conxuntas que garantan a continuidade de Sargadelos, a Vicepresidenta Segunda manterá un encontro mañá, ás 13:30 horas, no Pazo de San Marcos, co Alcalde de Cervo, dando resposta, coa máxima axilidade, á petición formulada polo Rexedor.

Exit mobile version