Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP saca adiante por unanimidade unha iniciativa plenaria para que a Deputación de Lugo se implique coa empresa Sargadelos

Lugo 26 de novembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular logrou sacar adiante na sesión plenaria deste martes e por unanimidade unha moción na que procura a implicación da Deputación ante a situación que está a atravesar a empresa Sargadelos.

Os populares agardan a maior celeridade na materialización deste compromiso de colaboración asumido polo bipartito provincial co único fin de axudar a recuperar a actividade promovida pola fábrica, necesarias para facer viable e salvar unha compañía que forma parte da historia de Galicia e de gran importancia para a provincia de Lugo.

A presentación desta moción por parte do Grupo Provincial do Partido Popular respondeu a que a Deputación Provincial de Lugo é, polo dagora, a única administración que, no seu momento, non achegou ningún compromiso económico en apoio destas traballadores, lonxe de pequenas colaboracións con algunha das súas actividades culturais.

Esta situación de despreocupación contraponse á actitude posta de manifesto pola Xunta de Galicia que está a seguir de preto a situación que atravesa Sargadelos, que forma parte do patrimonio cultural e económico de Galicia, e que recibirá o próximo día 28 aos traballadores da empresa.

Polo tanto, os populares esperan que se materialice rápido unha actitude comprometida por parte da Deputación de Lugo e polo seu presidente, José Ramón Gómez Besteiro.

Sobre a enmenda socialista
Os populares non aceptaron unha emenda do PSOE na que, os socialistas ademais de enumerar de forma incorrecta as axudas recibidas por Sargadelos por parte da única administración que colaborou coa empresa, a Xunta, incluían unha serie de peticións que son competencia do Goberno galego e, polo tanto, que se afastaban do obxectivo principal da iniciativa popular que era o de comprometer tamén o apoio da Deputación a Sargadelos. Por iso, sen entrar a valorar o fondo do asunto, entenderon conveniente manter o texto inicial sen ese engadido do PSOE.

Os socialistas pedía ampliar a declaración como Ben de Interese Cultural a todo o complexo industrial de Sargadelos, pero curiosamente esta mesma petición non forma parte das iniciativas que os socialistas teñen rexistrado no Parlamento de Galicia polo que, ou ben hai unha clara descoordinación e falta de entendemento entre o PSOE lucense e o de Santiago ou ben, nin tan sequera deben falarse entre eles co obxecto de defender un mesmo criterio.

De todas maneiras, os populares resaltan que haberá por escrito un acordo que é a base necesaria para lograr a “unidade de acción co obxectivo único de recuperar a actividade promovida pola empresa”

Descoñecemento da situación
O GPP censura tamén a falta de coñecemento amosada por Lara Méndez (deputada provincial e concelleira de Cervo) na sesión plenaria, tendo en conta que presentou unha enmenda con erros nos datos económicos.

Os populares tacharon de “lamentable” que unha representante do municipio onde se asenta a empresa non teña coñecementos máis precisos sobre a situación que está a afectar a fábrica, así como a colaboración manifestada por outras administracións.

Exit mobile version