Mondoñedo, 12 de novembro de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo solicítalle ao goberno bipartito local que actualice o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) á nova realidade existente despois das concentracións parcelarias nas parroquias de Masma, Couboeira e Vilamor.
Segundo explican dende o Partido Popular, o actual documento que está a exposición pública non recolle as novas parcelas, unha situación que dificulta a correcta interpretación na delimitación de núcleos.
Neste senso, os populares explican que existe unha dobre clasificación de núcleo rural en histórico – tradicional e común. No primeiro deles¬¬ (núcleo rural histórico – tradicional) autorízase a edificación exenta sempre que se garanta o cumprimento dos recuados laterais mínimos, así como a edificación adosada ou medianeira a un dos dous lindeiros laterais sempre que exista na parcela colindante a mesma tipoloxía o mesmo linde. Porén, non se permite a creación de novas medianeiras ou adoses salvo que exista un proxecto común.
Nesta mesma tipoloxía de núcleo rural histórico – tradicional; os parámetros e condicións físicas de edificación resúmense en que a parcela mínima edificable será de 500 m2; a fronte mínima de parcela será de 15 metros e o fondo mínimo serán 8 metros; así como a ocupación máxima de parcela que será do 30%. Asemade, neste tipo de núcleo rural histórico tradicional tamén se toleran edificacións auxiliares (hórreos, alpendres, garaxes, aseos…), cunha superficie máxima de 30 m2 e unha altura máxima de 3,5 metros.
Núcleo rural común
O sistema de ordenación do núcleo rural común fixa un sistema mixto de ordenación para completar as parcelas vacantes ou insuficientemente edificadas mediante edificación exenta ou adosada. Porén, non se permite a creación de novas medianeiras ou adoses salvo que exista un proxecto conxunto.
A parcela mínima edificable neste tipo de núcleo é de 1.000m2; a fronte mínima de parcela será de 20 metros, e a ocupación máxima de parcela será do 20%. Adicionalmente ao uso de vivenda, ao igual que no núcleo histórico – tradicional, toléranse edificacións auxiliares cunha superficie máxima de 30m2 e altura máxima de 3,5 metros; mentres o conxunto de edificación auxiliares non excederá a ocupación do 20% da parcela.
Labor informativa
O Partido Popular de Mondoñedo reitera a súa dispoñibilidade de continuar a informar aos veciños sobre este instrumento de ordenación do rural, así manterá aberta a sede local, os sábados en horario de mañá, de 10:30 a 13:30 horas.
Así explican que a información está tamén dispoñible na páxina web do Concello ao tempo que avogan pola importancia de que os veciños se interesen polo estado das súas propiedades, para que en consenso e coas achegas de todos se podan corrixir as deficiencias e facer propostas.