Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG burelés denuncia o “desmantelamento” que sofre o Hospital da Costa con “nocturnidade e alevosía”

Dende a Comisión Executiva do PSdeG-PSOE queremos facer público, e poñer en coñecemento dos veciños e veciñas de Burela e de toda A Mariña o desmantelamento paulatino que está a sufrir o Hospital da Costa por parte da Xunta de Galicia do Sr Feijoo e do Partido Popular. Este desmantelamento está a ser con nocturnidade e alevosía, e está a facer que o servizo público que nel se debería de dar perda calidade, escusa perfecta que o Partido Popular usa para practicar as privatizacións no sector público.

Temos que denunciar que á desaparición do servizo de Informática, privatizado e centralizado en Lugo, se lle suma agora o servizo de Administración. Isto supón que se poñen en perigo cinco postos de traballo que había no Hospital da Costa para este servizo, e ademais confirma o que xa temos denunciado noutras ocasións, a dependencia total que pasa a ter o Hospital da Costa en materia presupostaria. O Hospital da Costa xa non contará con presuposto propio e as decisións con respecto a inversións e persoal pasan directamente a tomarse en Lugo, isto supón que o desmantelamento do Hospital da Costa xa é un feito incontestable, e moito nos tememos que en pouco tempo pasará a ser pouco máis que un ambulatorio.

Por outro lado, temos casos de operacións de cataratas que se viñan a practicar no Hospital da Costa e se están a derivar sistematicamente a Lugo có agravante que aquela persoa que non teña medios para poder desprazarse a Lugo, ou sinxelamente queira que a súa intervención de cataratas se lle practique en Burela, e manifeste que non está en disposición de desprazarse a Lugo para operarse(estas operacións se estaban a practicar en Burela) sofre a ameaza de que si non quere operarse en Lugo será retirada das listas de espera, listas que superan o ano. Isto non só implica a operación, senón que as revisións que se teñen que facer despois dunha operación deste tipo, tamén terían que ser en Lugo có conseguinte gasto de cartos e de tempo, cando é unha operación que se estaba a facer no Hospital da Costa.

Outro caso significativo é que nos van a deixar sen dous Radiólogos, ven de confirmarse que van a ser trasladados, un para Ferrol e outro para Lugo, deixando moi tocado o servizo de Radioloxía. Usando unha estratexia perversa e maliciosa, que incluso van a usar para xustificar estes traslados. O caso é que lles ofrecen noutros hospitais contratos de un ano, mentres en Burela lles ofrecen contratos mensuais o que provoca que, evidentemente, os profesionais ante a precaridade laboral que lles están a ofertar en Burela opten por irse para outros hospitais onde as condicións laborais son mellores, e despois nos virán contando que non teñen Radiólogos que queiran vir a traballar a Burela, realmente lamentable forma de actuar.

Estes feitos non fan máis que corroborar que o que nos denunciamos noutras ocasións é unha realidade, e confirma que o Partido Popular trata ós veciños e veciñas de Burela e da Mariña en xeral como cidadáns de terceira. Todo isto có asentimento e beneplácito do Sr Barcia e de todos os alcaldes do Partido Popular da Mariña, sen que ningún deles sexa quen de alzar a voz ante semellante atropelo ós seus veciños e veciñas.

Dende o PSdeG-PSOE de Burela esiximos ó Sr Barcia que dea unha explicación de todos estes feitos ós veciños e veciñas de Burela, e pedímoslle que por unha vez defenda os seus intereses xa que lle recordamos que para iso o elixiron, para defender os seus intereses, e non para defender ó Sr Feijoo e ó Partido Popular que son os responsables desta desfeita que se está a cometer no noso Hospital. En caso de que non sexa capaz de cumprir coas súas obrigas neste senso, entendemos que o mellor que pode facer é irse para a súa casa xa que fraco favor lle está a facer ós seus veciños e veciñas.

Ademais disto facemos un chamamento a toda a cidadanía a participar activamente na manifestación convocada para o vindeiro martes 10 de decembro en defensa da sanidade pública.

Exit mobile version