Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Barreiros consegue que Industria emprenda dilixencias contra a empresa responsable do abusos efectuados na lectura dos contadores eléctricos

O PSdeG de Barreiros reunirase este luns, 18 de novembro, novamente cos afectados polos abusos das eléctricas para explicarlles en que fase se atopa este proceso, logo das xestións realizadas polos socialistas, en colaboración coa Plataforma do Mercado Eléctrico da Mariña. A secretaria xeral, Carmen Veiga, explica que “citamos ós veciños para informarlles de que, grazas a esta presión conxunta, conseguimos que o Valedor do Pobo se dirixise á empresa subministradora do servizo para que facilitase documentación sobre a homologación dos contadores. Temos que dicir, que a entidade eléctrica non proporcionou nada ó respecto; feito que provocou que o Valedor instase á Consellería de Industria para que esta emprendese dilixencias contra a comercializadora eléctrica”.

Por tanto, a socialista considera que “cremos que debemos dicirlles ós veciños o que hai. Con este obxectivo convocamos a reunión. Se os dispositivos non están homologados, os afectados terían que cambialos, o que suporía novos custos para eles”. Neste senso, debido á gravidade da situación, que provoca “unha incerteza inxustificada” na veciñanza, e dado que o goberno municipal “nin está nin se lle espara” neste asunto, a secretaria xeral defende que, de facerse este cambio, este terá que ser a coste 0 para os cidadáns. “Isto é o que defendemos, e isto é o que lles trasladaremos o luns a todas as persoas que asistan”.

O encontro terá lugar, ás 21.00 horas, no local da asociación Emigrante Puma Rubín, en San Miguel de Reinante.

Lecturas irreais
Carmen Veiga subliña que “lamentamos profundamente que os cidadáns estean pasando por isto. Por elo, pedímoslle á Xunta de Galicia que tome cartas no asunto, e desenvolva incluso medidas compensatorias para todas aquelas familias que poidan verse afectadas inxustificadamente por esta medida”, xa que, a lectura real dos contadores dixitais supera, nalgúns casos, nun 15% o consumo dos analóxicos. Así mesmo, os dispositivos actuais tampouco soportan a presión eléctrica dunha casa, “xa que se están varios aparatos encendidos, salta o limitador ó momento”, afirmou a secretaria xeral.

Estas son as consecuencias dos gobernos do PP
O cambio dos contadores enmárcase no proceso de liberalización do mercado eléctrico para millóns de fogares, logo de que o Goberno Central refrendase esta medida imposta por Europa co fin de diminuír o custo da tarifa de último recurso (TUR) para as arcas públicas. A TUR foi creada en 2009 a modo de refuxio para unha potencia instalada inferior ós 10 quilovatios, unha categoría na que se inclúen practicamente todos os fogares da Mariña. Esta situación, tal e como recoñecen os socialistas de Barreiros, increméntase coa substitución dos equipos de medida polos novos dixitais adaptados para telexestión. Coa súa instalación, detéctase, ademais, un incremento na medida de consumo dos fogares próximo ó 10%.

Total indefensión dos usuarios
Esta forma de entender a normativa crea unha situación de total indefensión dos usuarios fronte ás compañías comercializadoras e distribuidoras. Ademais, dáse a particularidade de que cando se lle corta o subministro a un particular por falta de pago, resúltalle máis sinxelo obter a reposición do devandito subministro que a un abonado ó que a interrupción se fixo de forma irregular. O corte por falta de pago subsánase en 24 horas unha vez realizado o pago pendente pero, se o corte é irregular ou inxustificado, o titular ten que presentar reclamación en Industria, agardar a que este Departamento conteste e a que se resolva todo o procedemento administrativo.

A Mariña, unha das zonas máis afectadas da provincia
Os problemas coa facturación eléctrica seguen provocando complicacións en varios concellos da provincia, sendo A Mariña unha das zonas máis afectadas. Ás denuncias dos barreirenses sumánse as levadas a cabo pola Comunidade de Propietarios de Cervo que, no prazo dunha semana, recibiron doce facturas de consumo eléctrico por un importe superior ós 10.400 euros; cantidade que non se corresponde co que realmente deberían pagar debido a unha lectura estimada dos seus contadores.

Neste caso concreto, o consumo eléctrico é duns 1.365 euros, sen embargo, a factura recibida é 5 veces maior: 5.314 euros. Polo que se refire ós servizos comúns o custe dos mesmos é duns 750 euros, pero agora a compañía pasa a cobrarlles 5.114 euros, é dicir, seis veces máis do consumido. Noutros casos, tendo presentada e rexistrada a reclamación en Industria ou Consumo, a interrupción tamén se realiza sen que o Executivo galego resolva e sen a autorización pertinente.

Exit mobile version