Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo alerta das deficiencias do abastecemento de Cervo e San Cibrao e esixe ó goberno que de unha solución con urxencia

CERVO, 23 DE NOVEMBRO. Os socialistas de Cervo esíxenlle ó goberno do PP que “tomen as medidas oportunas de maneira urxente para solucionar as deficiencias no abastecemento de auga tanto na zona de San Ciprián como na de Cervo”.

Vistos no rexistro dous escritos firmados polas farmacéuticas inspectoras do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade, dende o GMS subliñan que “non o dicimos nós, despois das inspeccións realizadas constataron unha serie de deficiencias ás que lle hai que facer fronte, pedimos que se dé solución canto antes ou den unha explicación do que pensan facer”.

Poden confirmar que “a rede de distribución non dispón de mecanismos que permitan o peche por sectores na súa totalidade, non acreditan rexistro para a medición de cloro residual combinado, o protocolo de autocontrol e xestión de abastecemento non está actualizado en concordancia co Programa autonómico de vixilancia sanitaria da auga de consumo humano, os análisis de autocontrol non están distribuídos uniformemente ó longo do ano e non están notificadas todas as entidades, poboación abastecidas nin completos os datos das instalacións interiores”.

Pasado case máis dun mes do rexistro destes informes que alertan ó concello das carencias do servizo de abastecemento de auga, “pedimos que se fagan as xestións oportunas sen máis dilación. Se se poñen as pilas dende agora, pode ser que no verán poidamos recuperar algunha das bandeiras azuis que se perderon, se seguen sen preocuparse nin o máis mínimo por este problema nin un só areal lucirá os recoñecidos galardóns. Ademáis, non se pode seguir consentindo que os veciños cada vez paguen máis e resulte que o servizo vaia a peor”.

Exit mobile version