CERVO, 4 DE NOVEMBRO. Os socialistas de Cervo, tralas declaracións do señor José Manuel Balseiro, lémbranlle que “é imposible que cobre dietas polas Xuntas de Goberno xa que simplemente non vai a elas. Das últimas 6 Xuntas só asistiu a dúas, e no que vai de ano, un total de 32, ausentouse nun 47%. Casualidade é tamén que nas que está presente non sobrepasan a media hora de duración, debe ser pola présa que ten para voltar a Santiago”.
Lamentan que se dése por aludido cando “nós xa non o tiñamos en conta, non o contábamos como membro do equipo de goberno. Aínda así, entendemos perfectamente a súa ausencia total por tódolos compromisos ós que se debe, exerce de Parlamentario, forma parte da Comisión de Pesca, Secretario da Mesa do Parlamento e Secretario Xeral dos Populares lucenses, membro da executiva galega e provincial. Con todos estes cargos, está completamente apartado do Concello. É un enriquecemento tal do seu currículum persoal que, pola contra, mantén ós veciños de Cervo totalmente esquecidos”.
Dende o Grupo Socialista recoméndanlle ó señor Balseiro que “fale máis co resto do goberno ó que pertence, así podería estar máis ó día da actualidade local. É tal a falta de comunicación que nos responden ás críticas a dúas bandas, se solucionasen este problema, igual ata podían aforrar un dos dous xefes de prensa que están detrás de ambas declaracións”.
Sí, falamos de números
Os socialistas cren que “estamos en perfectas condicións para falar de números e de exemplos e como parece que o señor Balseiro ten tanto interese neste asunto, non temos ningún problema en poñer os datos enriba da mesa”.
Aclaran que a concelleira e compañeira de partido, Lara Méndez, “cóstalle exactamente ás arcas municipais un total de 9 euros ó mes. O traballo ó que adica o seu tempo noutras administracións públicas debera quedar aparte. Pero xa que cada vez que a nombra, recorda o seu salario, tamén podía comparalo cos 7.500 euros netos que recibe el mesmo cada mes”.
Precisamente con tal cantidade, “convértese nun dos políticos mellor pagados, xunto co compañeiro do PP, José Manuel Barreiro, non só da Provincia senón de toda Galicia”. Neste senso, tildan de “certa hipocresía que faga alarde da súa renuncia ás percepcións do Concello. Parece que se esquece de que tódolos salarios saen das arcas públicas”.