Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE subliña que a petición do PP dun novo Pleno para o Plan de emprego da Deputación obedece “a unha estratexia burda e a querer cobrar a dieta de asistencia”

O PSdeG- PSOE denuncia “a estratexia burda” que están a levar a cabo os Alcaldes e os Deputados do Partido Popular con respecto ó Plan de emprego da Deputación, e que se demostra na petición que realizaron os populares dun Peno extraordinario para abordar este asunto. Neste senso, os socialistas da provincia atribúen esta reacción a un fin concreto, “que é puramente económico: cobrar as dietas de asistencia“. Deste xeito, o PSOE engade: “ata isto chega o despropósito do PP, de pedir unha sesión extraordinaria cando hai tan só dous días tiveron a oportunidade de facelo?”.

A este respecto, aseguran que o que ten que facer o PP é dicir a verdade e deixarse de andar saíndo na prensa cunha cuestión que é respaldada polos veciños desta provincia ó permitir a creación de emprego. “É dicir, os do PP non fan, nin deixen facer. Que pasa que Gómez Besteiro lle está marcando a axenda política ó PP? Dalles rabia que a Deputación supla unha vez máis á Xunta dede Feijóo?…”, suxiren os socialistas, pois “non hai máis que ver a política que seguiron cos obradoiros de emprego: só 1 Concello do PSOE saíu beneficiado con esta iniciativa”. Por elo, o PSdeG asegura que “este é o exemplo por autonomasia de sectarismo e de partidismo político. É dicir, que os veciños de Negueira, de Fonsagrada, de Ribas de Sil, de Becerreá, Pedrafita…. non teñen os mesmos dereitos que os de Abadín, Portomarín, O Corgo, Bóveda, Sober, Xove, Burela….? O PP o único que está a conseguir é que haxa uns cidadáns de primeira, os dos Concellos gobernados por eles, e outros de segunda, os dos municipios cuxo Alcalde é do PSOE”. Pola contra, a Deputación, co obxectivo de compensar esta discriminación, e sen ter competencias directas, realiza un esforzo extraordinario para favorecer a igualdade de oportunidades, creando o Plan de emprego.

“O PP está quedando ó descuberto”
Dende o PSOE considérase que o “PP está quedanto ó descuberto” con esta actitude, pois a iniciativa provincial está baseada en criterios totalmente obxectivos, e dará traballo a 80 desempregados de concellos de menos de 5.000 habitantes durante 15 meses. “Como se pode ter tanto cinismo político? como se pode opoñer un Partido a unha iniciativa coma esta coa taxa de paro que hai na actualidade, e que vai destinada precisamente a reducir o desemprego? Preguntámonos que pensarán os parados desta provincia cando ven que o Partido que goberna na Xunta e no Goberno Central non quere que outras institucións configuren o seu Orzamento para favorecer a creación de novos postos de traballo? O PP está xogando, ademais, coa sensibilidade da xente, e os socialistas non o imos permitir”.

“A diferenza entre uns e outros”
O compromiso da Deputación coa “lacra do paro” é manifesto. O vindeiro ano executará programas de inserción laboral para todos os municipios lucenses por valor de 12,8 millóns de euros neste eido, triplicando deste xeito os investimentos que fai a Xunta na provincia neste eido. “A diferenza entre uns e outros” demóstrase en que a administración autonómica, cun orzamento 100 veces superior ó da institución luguesa, “aplicou a tixeira, ano tras ano, nas partidas destinadas a este fin”. En total, dende que Feijóo goberna en Galicia, recortou en 238 millóns de euros os fondos para políticas activas de emprego e ata un 74% o investimento por galego desempregado. Estas restricións son a consecuencia, aseguran os socialistas, de que en Lugo haxa 7.000 persoas máis sen traballo, e en Galicia o desemprego bata récords, subindo por riba da media do Estado.

Así mesmo, consideran que “a oposición dos populares é inxustificable”, xa que con este plan a Deputación cumpre coa lexislación vixente -como a Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade ou a Lei de Desenvolvemento Rural Sostible- ó compensar con recursos públicos ós Concellos que contan con zonas medioambientalmente protexidas (Rede Natura, LIC, Reserva da Biosfera, Monumento Natural), dadas as limitacións que implican estas declaracións para o desenvolvemento económico do territorio afectado.

Exit mobile version