Site icon Crónica3.com A Mariña

O punto de bombeo do río Xunco será desmontado nestes días

Burela, 23 de novembro de 2013. Estes días procédese a desmontar o punto de bombeo existente no río Xunco e que se empregaba para abastecer de auga a Burela cando o embalse de Rúa quedaba en niveis moi baixos. Así o anuncia hoxe o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle.

O edil popular explicou que “o punto de bombeo do río Xunco fora instalado pola Xunta de Galicia no seu momento cando a finais da década dos anos 90 o alcalde socialista de Cervo, Roberto Álvarez, impedira o acceso do Concello de Burela ao embalse de Rúa nunha situación de extrema seca e ausencia de auga”.

Fernández Valle lembrou que “o punto de bombeo funcionou de maneira alternativa desde aquel momento e na situación actual, tendo en conta que o abastecemento de auga está garantido, ben desde os embalses de Rúa ou de Ríocobo a través do Consorcio de Augas Xunta-Burela-Cervo, agora retírase porque xa non é necesario o seu uso. E por outra banda restituiráselle ao propietario do solo o terreo para que faga con el o que estime oportuno”.

O concelleiro de Obras indicou que “a instalación constaba dunha estrutura metálica cun grupo electróxeno e bombas de subcción que estaban introducidas no río. Hai un ano, e con carácter previo á desmontaxe da infraestrutura, anularase todo o sistema eléctrico e a partires de aí iniciáronse os trámites con Augas de Galicia para que, por parte do órgano autonómico, se concedese a pertinente autorización para a retirada da infraestrutura do punto de bombeo”.

Exit mobile version