Site icon Crónica3.com A Mariña

O rexedor agarda que a obra da residencia da terceira idade de Ribadeo se licite nos primeiros meses do vindeiro ano

Ribadeo, 28 de novembro de 2013. Satisfacción do alcalde, Fernando Suárez, tras o compromiso da Área de Benestar da Deputación de Lugo de asumir a maioría do investimento necesario para construír a residencia da terceira idade que desde hai anos o Concello e os veciños veñen reclamando para Ribadeo. A achega a realizar pola institución provincial en catro anualidades ascende a 1.828.000 euros.

O rexedor pensa que “é un dos días máis felices da miña vida como político en activo desde o ano 1999. Unha demanda sistemática de varias Corporacións, de todas as épocas electorais e prometida por todos os grupos penso que hoxe, máis que nunca, está moi cerca de poder ser realidade por varios motivos: porque temos a determinación todos os membros da Corporación, porque o movemento veciñal foi moi activo nesta circunstancia, porque temos os terreos libres de cargas, dispoñibles e urbanísticamente posibles e viables para poder ser construída unha residencia da terceira idade e porque a gran incógnita do diñeiro está nun momento de resolución positiva despois de que as dúas administracións ás que lles pedimos apoio se comprometeron, aínda que en diferente grao. Sabíamos desde hai unhas semanas que a Xunta estaba disposta a aportar 500.000 euros en dúas anualidades para un presuposto total de 2.328.000 euros e faltaba agora a parte da Deputación”.

Suárez Barcia sinlaou que “como dicía Churchill: isto non é o principio do final, é o final do principio, que aventura que máis cedo que tarde Ribadeo teña unha residencia, dado que agora estamos pendentes de que a Xunta dea luz verde á autorización administrativa para que poidamos licitar as obras e de que se acorden os pasos previos e os documentos para que a Xunta poida materializar. E a partir de aí temos todo este final de 2013 e principios de 2014 para licitar esta obra, que vai levar un tempo e xa non dará tempo neste mandato á que estea rematada e funcionando, pero si que poderá estar case feita. Esperemos que todo vai ben”.

Para o alcalde de Ribadeo “é unha enorme emoción para min, para os meus compañeiros de goberno e eu creo que o fago extensivo para todos os membros da Corporación. Por fin despois de moitos anos, de moitas promesas, de moitos problemas e a pesar da situación económica malísima, co esforzo de todos, vamos ter unha residencia de maiores en Ribadeo, ademais da que xa hai. A que temos non é moi grande, é vella e ten moitos problemas. Agora virá unha nova a botarlle unha man á anterior”.

Sobre a cantidade que o Concello porá para que a residencia sexa unha realidade o alcalde declarou que “en virtude das nosas competencias sería inxusto que o Concello puxera unha cantidade moi importante, pero algo si que vai ter que poñer. Por exemplo os requirimentos que a Xunta nos fixo hai un mes e pico sobre o proxecto que enviamos, como son un ascensor máis fondo, unhas ventás e unha escaleira un pouco máis anchas, para cumprilos xa vai supoñer un lixeiro incremento no proxecto que estaba cifrado en 2.328.000 euros. Vai subir un chisquiño máis, non podemos precisalo neste momento porque o están elaborando os técnicos, pero falaban de que podía supoñer a maiores 50.000 ou 60.000 euros. E iso teríao que asumir o Concello, para o que non habería ningún problema, igual que se no seu momento se decide mellorar un pouco o entorno, que é algo que tampouco estaba contemplado na partida principal e única, que era para a construción dunha residencia, a demolición do edificio grande e dun dos pequenos, que é necesario para que o edificio novo poida coller, pero se hai que facer unha mellora na urbanización tamén a deberá asumir o Concello”.

Fernando Suárez engadiu que “a achega da Xunta será benvida, porque estou convencido de que este maior incremento do proxecto e a mellora do entorno se a Xunta o quere facer desde logo que sería máis propio dela por ter a competencia nesto. Esperaremos porque o camiño aínda é longo, pero polo menos vemos a luz ao final do túnel e vémola cerca, posible, real, tanxible e factible”.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, dixo que “para Área de Benestar tamén é un momento agradable.O convenio que asinaremos con Concello será plurianual, unha vez que mañá venres na xunta de goberno se aprobe esta proposta, que vai dividida en catro anualidades: 528.000 euros no 2013, 500.000 euros o vindeiro ano, no 2015 serán 600.000 euros e para rematar no 2016 serán 200.000 euros”.

Veiga Outeiro resaltou “a labor do asociacionismo, de todos os veciños de Ribadeo que se xuntaron nesta plataforma, tivemos moitas reunións con eles e ao final nos felicitamos todos de que isto chegase a bo porto. Isto tamén é unha mostra de cómo traballamos desde a Deputación de Lugo e desde a Área de Benestar, que é testando os problemas directamente cos veciños e cos Concellos e conxuntamente buscándolles solucións. Este é un primeiro paso, pero felicitarémonos todos cando vexamos aquí definitivamente ese edificio, que será importantísimo para Ribadeo e para toda a zona”.

O portavoz da plataforma de veciños, José Mª Rodríguez, tivo palabras de agradecemento para a Deputación de Lugo, “que fai un esforzo colosal para converter en realidade esta idea” e engadiu que “as grandes cousas no mundo fixéronse porque a xente creu en utopías, as utopías non son quimeras, as quimeras non son realizables, pero as utopías si e eu crin nelas porque algúns veciños deste Concello me obrigaron a crer nelas. Esta mensaxe trasladeilla ao alcalde actual, quen tardou moi pouco tempo en convertela na nena dos seus ollos para levala a cabo con moita ilusión e así o está a facer”.

Exit mobile version