Site icon Crónica3.com A Mariña

O sistema para escorrentar as pombas da fachada da igrexa de Santa María en Lourenzá será retirado pola súa escasa efectividade

141113 FOTO LOURENZÁ REUNIÓN SISTEMA ANTIPOMBASLourenzá, 14 de novembro de 2013. O sistema para escorrentar as pombas instalado na igrexa de Santa María de Valdeflores, no conxunto histórico do mosteiro de San Salvador, será retirado pola súa escasa efectividade. O Concello de Lourenzá e a Diocese Mondoñedo-Ferrol tomaron esa decisión e tamén a de colocar púas nalgunhas zonas da fachada do edificio, para o que xa solicitaron permiso a Patrimonio. Este acordo adoptouse nunha reunión na que participaron a alcaldesa, Emma Álvarez Chao; o ecónomo da diocese, Ramón Otero, o párroco, Xosé Miguélez, e o xerente da empresa que colocou o escorrentador de pombas, Auditor Rodríguez.

A rexedora municipal explicou hoxe que “tomamos a decisión de renunciar a este sistema ante a súa falta de efectividade, ben porque o espazo a cubrir é moi amplo ou porque as pombas levan xa moitos anos utilizando a fachada da igrexa como zona de descanso, e tendo en conta que estamos dentro do período de proba dun mes que traía este aparato para poder devolvelo. Tamén tomamos o acordo de volver a aquela idea primitiva de colocar púas na fachada mantendo libres os escudos, as coroas e demais partes ornamentais da mesma para que o impacto sexa menor. Para iso xa cursamos solicitude a Patrimonio”.
Emma Álvarez engadiu que “seguimos mantendo o acordo de que, unha vez que teñamos o permiso de Patrimonio e se coloquen as púas, procederemos á limpeza dos excrementos das pombas e ademais ampliamos aquel acordo para levar a cabo tamén a limpeza da vexetación que hai na torre e o pintado do ventanal central da fachada da igrexa”.

A alcaldesa lembrou que “estes acordos forman parte daquel convenio inicial no que a diocese e o Concello de Lourenzá se comprometían a limpar a fachada e tamén á colocación dalgún sistema para diminuír a poboación de pombas no noso concello e sobre todo neste conxunto histórico”.

Exit mobile version