Site icon Crónica3.com A Mariña

O TSXG tumba un novo recurso do PP, “empeñado en boicotear os proxectos da Deputación que a Xunta non fai en Lugo”

A Deputada de Economía, Redación e Facenda, Pilar García Porto, avanzou este mércores que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de dar a razón á Deputación, desestimando, por segunda vez, o recurso presentado polo Partido Popular contra o Orzamento da institución para 2013. “A xustiza tumba un novo recurso do PP, empeñado en boicotear os proxectos da Deputación que a Xunta non fai en Lugo, custe o que custe”, subliñou.

García Porto lembrou que, o ano pasado, a voceira provincial do PP, Elena Candia, tentou bloquear o presuposto do organismo provincial, presentando un recurso contencioso, que o Tribunal Superior de Xustiza desestimou no mes de outubro. “Non conforme, e aínda que supuxese máis custes, Candia impugnou esta resolución xudicial, que a xustiza volta a desestimar. A voceira popular non entendeu nada do Presuposto e levouno ós tribunais. Fíxoo fóra de prazo, tratou de escusarse con argumentos que sacarían as colores a calquera avogada e xuíz e, por riba, non lle deron a razón”, remarcou a Deputada.

“É hora que de o Partido Popular de Lugo pida desculpas públicas. Só se adican a tentar xudicializar a vida política para tapar as súas miserias, primando isto ós intereses dos lucenses. Os populares impugnaron os Orzamento da Deputación para 2013, defenderon os intereses dunha multinacional de Dubai, aínda que isto supuxese que os lucenses tivésemos que pagar 4 millóns de euros, e ata chegan a opoñerse ós plans de emprego da Deputación. Todo isto, sen éxito, con estrepitosos fracasos en procesos xudiciais”.

“O PP non defende os intereses dos lucenses, non fai nada por esta provincia e, por riba, tenta boicotear o que facemos dende outras administracións, porque lle molesta que a Deputación de Lugo faga o que non fai a Xunta nesta provincia. Moléstalle que a Deputación invista o triple para emprego na provincia que a propia Xunta, a administración galega que ten as competencias; moléstalle que construamos o primeiro centro público en España de recría de gando vacún ou a primeira rede de residencias e centro de día pública; ou ata que executemos o POS”.

Exit mobile version