Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas bureleses consideran “cinismo” que Barcia convocara un Pleno Extraordinario de urxencia “para usalo contra outra institución”

Dende a Comisión Executiva do PSdeG-PSOE manifestan a súa postura ante “o despropósito da convocatoria de Pleno Extraordinario urxente feita polo Sr Barcia e que se celebrou o pasado día 21”.

Os socialistas comezan dicindo que “nos parece politicamente noxento e obsceno utilizar o máximo órgano do Concello para usos partidistas. O Pleno do Concello está para facer propostas, debater e solucionar os problema dos veciños e veciñas de Burela, neste senso non nos parece de recibo que o alcalde de Burela faga unha convocatoria de Pleno Extraordinario e urxente para usalo contra outra institución como é a Deputación Provincial. Entendemos que estas formas cínicas de actuar o único fin que buscan é a de tapar as miserias da nula xestión que este equipo de “desgoberno” ten feito neste dous anos e medio de goberno”.

Así mesmo, pregúntanse “¿porque o Sr Barcia non convocou estes Plenos Extraordinarios de urxencia cando nos quitaron a Área Sanitaria da Mariña? ¿Porque non se convocaron cando se aprobou o repago sanitario ós enfermos crónicos? ¿Porque non se convocaron cando se impuxo o repago dos medicamentos? ¿Porque non se convocaron cando se suprimiu a gratuidade dos libros de texto para os nosos mozos e mozas? etc, etc, etc….¿Porque non explica isto?”. “O Sr Barcia deixou tirados os veciños e veciñas”, afirman.

Outra pregunta que o Sr Barcia debería de contestar, segundo a executiva do PSdeG-PSOE burelés, é “¿que fixo polos 737 parados de Burela, ademais de subirlles todos os impostos e taxas?. Debemos de explicar que, dende que o equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela se fixo cargo do Concello temos un 12% máis de parados dos que había en maio de 2011. Todo isto tendo en conta que ata dende o seu propio equipo de “desgoberno”, neste caso a Sra. Mónica Pedre, saíu publicamente na prensa criticando a pouca axuda por parte da Xunta de Galicia do Sr Feijoo, dicindo que a Oficina de Turismo de Burela tiña que permanecer pechada polo pouco apoio ó emprego que dende a propia Xunta de Galicia se estaba a ofrecer, ¿a que ven agora esta pataleta?”.

Dende o PSdeG-PSOE pídenlle a Barcia, unha vez máis, que “se poña a gobernar e a solucionar os problemas, que son moitos, dos veciños e veciñas de Burela. Que se deixe de montar circos mediáticos en contra de Administracións que están a investir no noso pobo. Por certo, moito menos do que quixéramos porque o Sr Barcia está a renunciar a moitas das axudas que se están a brindar dende esta Administración (Plan enerxético, ISO 14001 das praias, …)”.

Finalmente, recordan que “o Pleno Extraordinario convocado, tamén de urxencia celebrado o pasado día 15 onde o Sr Barcia lle mete outro sablazo ós maltreitos petos dos nosos veciños e veciñas en forma de subida da taxa de basura, custounos a todos preto de mil euros, sabendo que a día de hoxe a Xunta de Galicia non aprobou este aumento do canon de Sogama, xa que aínda está sen aprobar. Pedímoslle a mesma rapidez para solucionar os moitos problemas que temos no noso pobo”.

Exit mobile version