Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian que o Concello de Cervo tome medidas para contrarrestar os efectos negativos das políticas do propio PP na Xunta

CERVO, 20 DE NOVEMBRO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo non entenden a actitude do goberno do Partido Popular, “unha vez máis vemos con estupor como o señor alcalde ten que tomar medidas para contrarrestar os efectos negativos das políticas dos seus compañeiros da Xunta de Galicia”.

Ante todo, están de acordo en que dende o Concello “teñen a obriga de velar polo benestar dos veciños e facer todo o posible por garantir a mellor calidade de vida. Parécenos correcto que se reúnan cos cervenses, atendan as súas problemáticas e traten de darlles solución. Pero estamos fartos da súa demagoxia, o que non podemos consentir e que acaten todas as políticas que lle veñen dadas pola Xunta de Galicia sen dicir nin mu e despois, ante os veciños, tenten dar solución ás malas consecuencias das decisións tomadas polos seus propios compañeiros de partido”.

Os socialistas lembran cómo en materia sanitaria “perdimos un médico no centro de saúde de Cervo, levamos ó pleno unha moción para que a Xunta se plantexase o mantemento dos servizos tal e como estaban, votaron a favor no pleno, pero a día de hoxe, grazas ós membros do seu partido seguimos sen ese facultativo. E o equipo de goberno non lle dice nada ó PP de Galicia”.

Neste senso, o goberno autonómico segue a facer recortes, “desmantelarán o servizo do 065 de transporte para discapacitados, implantan o repago de fármacos, os enfermos crónicos tamén terán que pagar os medicamentos que necesitan. E o alcalde de Cervo non lle dice nada ó PP de Galicia”.

En temas de educación, “tamén lle presentamos ó pleno unha moción en contra do repago de comedores. O goberno votou que no e agora pretende darlle solución ó problema dando ós nenos e nenas un servizo de transporte ó mediodía. En qué quedamos señor alcalde. Ós seus compañeiros do PP de Galicia segue sen comentarlles os efectos das súas políticas”.

A Xunta de Galicia tamén lle pasa ós concellos a problématica de SOGAMA e os socialistas pregúntanse se “serán os veciños os que tamén acaben pagando o asunto. Cando se lle vai escoitar ó equipo de goberno de Cervo unha crítica ó seu partido, que lles transmitan o duras que están a ser as súas políticas, que lles digan que están a asfixiar ós veciños, que lles digan que basta xa, que non vamos a bo porto por este camiño”.

Lémbranlles, por último, que “dende que chegaron a Galicia recortaron ata un 75% o presuposto destinado polo anterior goberno de esquerdas ás políticas activas de emprego, as cifras de paro non paran de subir e a reforma laboral, que apoiaban, non está dando ningún bo resultado. No seu día, votaron en contra dunha moción na que propoñíamos a derogación de dita reforma laboral implantada polo PP”.

Non entenden para nada a súa actitude, “acatan todas as directrices do partido pero ó mesmo tempo recoñecen a falta de traballo porque eles mesmos alardean da súa aposta polo fomento do emprego. En qué quedamos, digan dunha vez por todas ó seu partido que as consecuencias das súas políticas non están sendo as adecuadas, por favor, non queden máis tempo calados”.

Exit mobile version