Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas esíxenlle á Xunta que busque responsabilidades penais e civís e o resarcimento económico da totalidade dos danos ocasionados polo Prestige

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, reclamoulle este venres á Xunta que inclúa, no recurso á sentenza do Prestige, a totalidade dos danos económicos. O responsable socialista presentou hoxe unha iniciativa parlamentaria na que chama á Xunta a que “busque as responsabilidades penais e civís” logo dunha sentenza que “da unha mensaxe de impunidade inasumible”.

Val Alonso sinala que o Goberno galego debe reclamar o resarcimento íntegro dos 2.433,86 millóns de euros que corresponden ao impacto dos danos en Galicia, de acordo co informe pericial, ademais dos 1,2 millóns pola reciclaxe dos elementos contaminados depositados en Sogarisa. Ademais reclamoulle ao goberno galego que se adhira a algunha das partes acusadoras para superar as limitacións internacionais ás indemnizacións.

O parlamentario socialista reprochoulle ao PP e ao goberno galego que once anos despois da catástrofe “queren reescribir a historia” obviando que os verdadeiros responsables dun accidente convertido en catástrofe “nunca se sentaron na bancada dos acusados”. Advertiu que pretende esquecer “aos homes e mulleres que arrincaron o chapapote das nosas costas coas súas mans”.

Irresponsabilidade
Advertiu a “irresponsabilidade” de Feijóo ao asegurar que a produción pesqueira ten aumentado un 30 por cento, o que, explicou, “non se axusta en absoluto á realidade”, xa que o presidente da Xunta alude a especies capturadas lonxe da costa. Val Alonso sinalou a caída drástica da produción de polbo e do marisqueo nas rías galegas constatada nos últimos tempos.

Criticou que o presidente da Xunta pretenda “apropiarse” dos medios dispostos por outros gobernos, en alusión á adquisición do maior remolcador, o Don Inda, que foi destinado a Galicia por Zapatero, cando hoxe “nos preguntamos todos ónde está”. Sinalou que a xestión de Feijóo consiste en “paralizar a compra de material contra a contaminación e regalarlle a unha empresa privada os dous helicópteros de Salvamento Marítimo”.

Val Alonso sinalou o “pouco peso e pouca responsabilidade” demostrados por Feijóo ao asegurar descoñecer o proxecto do goberno central para traspasar a unha empresa privada as competencias para certificar a navegabilidade dos cargueiros, que foi retirado pola presión da opinión pública en contra.

Nunca Máis
O deputado socialista amosou hoxe o respaldo dos socialistas galegos á mobilización convocada pola plataforma Nunca Máis para o próximo domingo en contra dunha sentenza que traslada unha “sensación de impunidade total dos armadores” e os responsables dos buques que contaminan as costas.

Sinala que a sentenza resulta “a todas luces inxusta mentres o PP, Feijóo e Rajoy entenden que avala as súas decisións políticas”, cando a realidade é que a día de hoxe os responsables políticos da catástrofe seguen sen render contas.

Exit mobile version