Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Pago justo’, terceira proxección no V Video-forum Mulleres no Mundo

Coa chegada de novembro volta á Mariña unha das actividades máis asentadas e exitosas do Observatorio da Mariña pola Igualdade. O video-forum Mulleres no Mundo acada este ano a súa V Edición. Cinco anos nos que a través do cinema o Observatorio, en colaboración coa UNED e con Radiofoz, achega á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais moitas veces afastados e distantes. Máis de vinte películas proxectadas de diversas partes do mundo (Israel, Afganistán, Irán, Francia, India, Líbano, Serbia, Senegal, Ecuador, EE.UU, Arxentina, Perú, Bosnia Herzegobina, Canadá…) que deron lugar a interesantes debates e que, sobre todo, permitiron coñecer o traballo de importantes directoras de cinema, moitas veces descoñecidas, e a realidade de mulleres moi diversas.

Este V Video-forum Mulleres no Mundo será o máis europeo de todos, xa que das catro películas que se proxectarán coincide que unha é holandesa e dúas inglesas. Asimesmo, a metade das películas deste V Video-forum están dirixidas por mulleres. E ao igual que nas últimas edicións, por mor da boa acollida e co obxectivo de crear un ambiente máis agradábel e propicio para o debate e o intercambio de ideas a partir do visionado dos filmes escollidos, voltarase ao formato do café-debate. O Observatorio repartirá gratuitamente cafés e pastas ás persoas asistentes para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.

O V Vídeo-forum Mulleres no Mundo, que comezou o pasado día 7 coa proxección da película Antonia, de Marleen Gorris, ten lugar no salón de actos da UNED en horario de 19 a 21 horas. É unha actividade gratuíta na que se están a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes.

Este xoves 21 de novembro é a quenda da película Pago justo, de Nigel Cole. A película, baseada en feitos reais, achéganos á loita que en 1968 levaron a cabo case 200 traballadoras da fábrica de Ford en Dagenham (Reino Unido) para reivindicar a igualdade de salarios respecto aos homes. O resultado da protesta foi a aprobación da Equal Pay Act (Lei de Igualdade Salarial) en 1970.

Todas as sesións do V Video-forum Mulleres no Mundo están guiadas por socias do Observatorio. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día. A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora é a condutora das reflexións do grupo.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Exit mobile version