Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira: “Moitos veciños veñen ilusionados a preguntar polo plan de emprego da Deputación e temos que dicirlles que Cervo está excluído”

Cervo, 13 de novembro de 2013- A edil de Emprego, Yolanda Pedreira, asegurou que “dende o Concello sentímonos defraudados e enganados pola Deputación” ao coñecer que Cervo está fóra do plan de emprego provincial. A concelleira fai estas declaración dúas semanas despois de que a Deputación anunciase un plan de emprego para todos os concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes.

Durante este tempo foron moitos os veciños e veciñas que preguntaron por esta medida, pero coa publicación da convocatoria no BOP o Concello de Cervo coñeceu que non podería participar neste plan porque quedaba excluído de forma automática e sen ningunha opción. “A todos os veciños que se interesaron polo plan temos que dicirlles que todo foi un engano porque case ningún concello vai poder participar nel” asegura Pedreira, que ao mesmo tempo lamenta “que a Deputación xogue desta maneira coas ilusións dos desempregados e coas súas expectativas de traballo, que é algo moi serio”.

O delegada de Emprego asegura que a Deputación “pode deseñar os plans á súa maneira, pero o que está mal é que minta aos veciños dicindo que todos os concellos poderán contratar entre 4 e 11 traballadores, cando os beneficiados só serán unha minoría”. A edil lamentou ademais que “Cervo quedase fóra do plan a pesar de que a vicepresidenta da Deputación é veciña de San Ciprián e edil do PSOE de Cervo”. Por iso Pedreira asegura que “se o obxectivo da nosa veciña é facer todo o posible porque Cervo teña os menos servizos posibles, estao facendo moi ben”.

Exit mobile version