Site icon Crónica3.com A Mariña

Preséntase este martes o proxecto “Ribadeo, catedral do mar”, no salón de plenos do Concello

Ribadeo, 4 de novembro de 2013. Este martes, 5 de novembro, ás 17 horas o salón de actos do Concello acollerá a presentación do proxecto Ribadeo, catedral do mar, que promove a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo e financiado en parte con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal.

A edil Ana Martínez dixo que “con este proxecto pretendemos impulsar un produto turístico vinculado ao mar, que estea marcado pola calidade, o coñecemento e a interpretación do mar, o respecto ao patrimonio, e a diferenciación de Ribadeo dentro do denominado turismo experencial”.

A edil nacionalista sinalou que “desde o Concello queremos convidar a asistir a todos os sectores, ben sexa pola súa relación directa co mar ou porque realicen actividades relacionados co turismo, a hostalería, o comercio ou mesmo calquera outra que poida ter cabida para o desenvolvemento turístico, económico ou cultural do noso concello. O proxecto contempla unha serie de accións de dinamización de todos os sectores implicados, procurando a ordenación de recursos turísticos, a posta en valor dos mesmos e diversas accións de difusión e divulgación que permitan chegar ao público obxectivo con facilidade”.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo sinalou que “contamos cun punto excepcional como é a praia das Catedrais e debemos buscar o aproveitamento dese grande número de visitantes que chegan ao areal case a diario e presentarlles outros grandes atractivos do noso concello, algo para o que contaremos coas novas tecnoloxías como apoio estratéxico, buscando a promoción en redes sociais, posicionamento web, e permitindo así a divulgación de contidos de calidade”.

Martínez indicou que “coa posta en marcha desta iniciativa perséguese unha maior dinamización e diversificación da economía local, unha desestacionalización da demanda turística, unha mellora na calidade servizos turísticos, maior sensibilización dos servizos en materia de conservación medio ambiental, tamén unha maior capacitación do sector pesqueiro para articular visitas guiadas no marco dun turismo mariñeiro, a promoción dos produtos do mar tanto entre a poboación local, como o turista ou público en xeral e desde logo unha maior cultural colaborativa entre todos os actores locais implicados no proxecto”.

A edil de Turismo subliñou que “buscamos a aparición dunha marca turística Ribadeo, catedral do mar para promover unha uniformidade e un fronte común no que se vexan reflectidas todas as accións, os investimentos, o desenrolo, os proxectos relacionados co turismo e a promoción turística no seu conxunto” e lembrou que “Ribadeo dispón dunha grande oferta hostaleira, tanto en número como en calidade, hai preto de 1.500 prazas, tamén ten bos e numerosos restaurantes e mesóns con diversos e atractivos produtos gastronómicos, empresas de ocio vinculadas aos deportes náuticos, guías medio ambientais, comercio de calidade… temos tamén un mercado de abastos onde podemos mercar produtos de proximidade e de calidade. Ribadeo ten unha moi boa programación cultural, unha vida nocturna de ocio atractiva e xuntando todo iso é o momento traballar en rede creando un destino, xuntando forzas e apostando pola promoción de Ribadeo no seu conxunto e para iso é moi importante a asistencia a esa xuntanza que se celebrará mañá na Casa do Concello”.

Exit mobile version