Site icon Crónica3.com A Mariña

Respaldo unánime dos socialistas da Mariña ós traballadores de Sargadelos na manifestación convocada para esixir o mantemento da factoría

O PSdeG-PSOE apoiou decididamente ós traballadores de Sargadelos na manifestación convocada polo Comité de Empresa para este venres, co obxectivo de que se garanta o mantemento desta factoría. Deste xeito, os deputados autonómico e provinciais, José Ramón Val, Alfredo Llano e Lara Méndez –esta última tamén voceira do grupo municipal socialista de Cervo-, a coordinadora comarcal da Mariña, Mayra García Bermúdez, así como outros representantes do PSOE na comarca, participaron na concentración, tal e como anunciaran esta mesma semana.

Unha vez rematado o encontro, os socialistas subliñaron que ”estivemos cos empregados de Sargadelos porque dende o primeiro momento fomos conscientes de que o seu problema e ún problema de todos, pois a parte dos postos de traballo que corren perigo, esta empresa permite xerar un valor engadido á economía de toda a provincia que, no caso de desaparecer, afectaría notablemente ó tecido produtivo lucense e incluso ó galego”.

A Mariña “pode desaparecer do mapa empresarial da provincia”
Así mesmo, destacaron que “o noso apoio é decidido porque o que non se pode permitir é que, por mor dunha mala xestión da Xunta de Galicia, esta empresa teña que pechar definitivamente as súas portas. Se isto se chega a producir, a Mariña desaparecería practicamente do mapa empresarial e industrial da provincia. Hai que pensar que Sargadelos consolidouse como unha das principais empresas galegas ó exportar o seu produto tamén a nivel internacional”.

O PSdeG-PSOE respaldou deste modo ós empregados afectados porque o seu obxectivo é evitar que estas mulleres e as familias que dependen desta factoría “se levanten un día” e xa non poidan ir a traballar porque esta entidade emblemática desapareceu do mesmo xeito que o fixeron outras como Muebles Hermida, ECAR de Mondoñedo ou o Grupo Mon. “Cremos que esta crítica situación debe ser tida en conta polo Goberno galego, xa que é a administración que ten as competencias directas, por tanto a única con responsabilidade para evitar que o dano sexa irreparable”, afirmaron os diferentes concelleiros e deputados socialistas.

Máis apoio do PSdeG-PSOE
A semana pasada, en cumprimento da palabra dada ós integrantes do Comité de Empresa na reunión que os socialistas mantiveron nas propias instalación da fábrica, estes foron a voz dos traballadores no Parlamento galego. Concretamente, esixiron a administración autonómica explicase detalladamente a que destinou o millón de euros concedido a esta entidade en 2010 (400.000 a fondo perdido e 600.000 a través dun préstamo participativo) e a poñer en marcha un plan de emprego específico na Mariña que permita reactivar o tecido económico-produtivo da zona.

Exit mobile version