Madrid, 5 de novembro de 2013.- O Secretario Segundo na Comisión de Emprego e senador por Lugo, Ricardo Varela, acusou, este mércores, ao Goberno de cargar todo o custo da crise sobre os salarios e de poñer en marcha unha política económica homicida coas rendas dos traballos.
Varela interviu na sesión de control parlamentario da Cámara Alta e formulou unha pregunta ao Ministro de Economía e Competitividade, Luís de Guindos. O parlamentario do PSOE iniciou a súa intervención desmentindo a afirmación do Ministro Montoro de que os salarios en España melloraron moderadamente e interesouse por coñecer cómo evolucionaron os distintos pesos da riqueza da renda dos salarios dos traballadores e dos excedentes empresariais no noso PIB.
Neste sentido, detallou que nos dous últimos anos as rendas dos salarios están soportando a totalidade da crise e caíron 44.000 millóns de euros. Ricardo Varela criticou que, mentres os salarios perderon peso, os excedentes empresariais ou beneficios creceron en 18.000 millóns de euros.
Como explicou a continuación, “os salarios asumen a totalidade do custo da perda da riqueza do noso país e trasladan parte do seu valor aos seus excedentes empresariais. Asumen o conxunto da caída e trasvasan 18.000 millóns aos empresarios. En definitiva, no noso país caen os salarios, soportan o custo da crise e trasvasan diñeiro ás rendas dos empresarios mentras que en Europa pasa o contrario, os países que crecen reparten as súas rendas mellorando os salarios”.
Ricardo Varela puntualizou que, dos países que decrecen, non hai ningún no que as rendas das empresas medran xa que se reparten a carga entre as rendas do traballo e dos traballadores.
Varela finalizou subliñando que o Goberno do PP “está poñendo en marcha unha política homicida co valor do traballo. É inxusta, moi negativa, retira capacidade de compra e impide a recuperación”. O senador galego concluíu recordando que un dirixente do PP advertiu fai dous anos de que España está ao borde do abismo e puntualizou que “agora sí que demos un paso á fronte nese sentido”.