Site icon Crónica3.com A Mariña

Riotorto mellora as súas comunicacións mediante o arranxo de varias estradas

Riotorto 20 de novembro do 2013.- O alcalde nacionalista de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, anunciou este martes que se procedeu ao arranxo e mellora de varias estradas municipais. En concreto trátase das estradas locais que dan acceso aos lugares de Ferreiravella, Soutelo, Aldurfe, Santa Marta, Vilar de Santiago, Bidueiras e Muiñovedro. Tal e como sinalou o rexedor, investíronse máis de 41.000 euros no arranxo destas estradas para poñelas nun estado aceptable para o tránsito.

As actuacións que ven de executar o goberno municipal de Riotorto en diferentes estradas e ás que nos vimos de referir responden ao que é o compromiso e o que é a vontade do grupo de goberno de manter o sistema viario local nun estado óptimo. Esta actuación pon en evidencia dúas cuestións: manter a rede viaria nun bo estado e ó mesmo tempo facer prestacións en materia de benestar que cubran as demandas cidadáns, son posibles sempre que haxa a vontade política pero tamén a sensibilidade debida por parte dun goberno para facelas. Polo tanto o que estamos poñendo en evidencia é que aqueles gobernos que máis nos preocupamos polo benestar dos nosos cidadáns no plano social tamén somos aqueles gobernos que temos nun mellor estado o noso concello.

E hai outra cuestión que nós queremos poñer enriba da mesa. Estamos falando dun investimento importante no seu orzamento, un investimento que se executa na súa totalidade con achegas económicas que fai outra administración e que evidencia cal ten que ser a función dun goberno, que non é outra que xestionar melloras para os seus veciños, e iso é nin máis nin menos o que estamos facendo nós desde o grupo de goberno de Riotorto.

Lamentamos en todo caso que solo atopemos sensibilidade para a demanda das necesidades que no ámbito das infraestruturas ten o noso concello por parte da Deputación Provincial e que pola contra cando imos petar á porta da Xunta de Galiza, por certo institución que é a titular dunha grande parte da rede viaria do noso concello, sempre nos atopemos cun portazo nos fuciños. Neste sentido temos que lamentar a actitude do Partido Popular de Riotorto que antepón os intereses do seu partido aos intereses dos veciños de Riotorto, e sobre todo, o que é absolutamente lamentable e que non pode merecer máis que a nosa crítica, é a súa forma de actuar. Quen goberna non ten que predicar, ten que dar trigo, e este goberno local que eu teño a honra de presidir está dando trigo desde o minuto cero no que está gobernando. Fronte a iso o único que nos atopamos é cunha oposición que goberna en Madrid, que goberna en Compostela pero que ao mesmo tempo que predican négannos o trigo poñéndonos paus nas rodas, pero non poñendo paus nas rodas ao goberno local senón ao conxunto dos veciños de Riotorto, porque esas actuacións que deixan de acometerse por culpa do PP local, sufrímola, padecémola, todos os veciños de Riotorto incluídos os votantes do Partido Popular.

Exit mobile version