Iniciadas as eliminatorias no sistema de sets, ous dous arqueiros mariñáns terán que enfrontarse, xa que o primeiro necesariamente compite contra o cuarto clasificado. Ambos arqueiros estiveron impresionantes, sendo o máis acertado Ángel, quen gañaba os sets a tan só un punto de Nano, finalizando este primeiro encontro 6-0 en favor de Ángel. Nas finais, Ángel enfrontaríase ó representante de Club Escola Lucense de Tiro Con Arco (CELTA), unha eliminatoria que dominou o arqueiro de Castelarco ata situarse 5-1, a tan só un punto do final (o empate teríalle sido suficiente). Juan, o representante do CELTA, logra remontar o resultado poñéndose 5-5, o que equivale a ir á frecha do desempate, onde a máis achegada ó centro da diana dará a victoria. Ángel adiántase e logra colocar a súa frecha no centro da diana, podendo a presión con Juan, quen coloca a súa saeta nun 8, coa conseguinte victoria para Ángel. En canto a Nano, bateríase polo terceiro posto contra o representante do Club Arco Ares, logrando tomar a vantaxe por 2-0, pero non foi suficiente ante a reacción do arqueiro do Ares, que tras os sets quedaría terceiro cun resultado de 2-6. Finaliza esta categoríapara os arqueiros de Castelarco co mesmo resultado que nas rondas clasificatorias, Ángel 1º e Nano 4º.
Na categoría Senior, os representantes masculinos de Castelarco Gabriel Galante Briones e José Manuel García Cordido “Campa” finalizaban cuarto e décimoquinto correspondentemente, cunha puntuación sobre os 600 puntos máximos de 556 para Gabriel e 474 para Campa, algo frouxo para o primeiro tendo en conta o nivel ó que se está a mover, e un grande logro para o segundo, que así sube a súa puntuación anterior obtida no pasado Trofeo de San Froilán, superando así os 440 puntos. Ambos arqueiros pasaron o corte participando nas series eliminatorias 1/16, Gabriel bate ó seu primeiro contrincante cun contundente 6-0, caendo no seu segundo encontro contra Antonio Otero do Club Lumelar de Ourense, despois dun fallo de estratexia, xa que se situaba Gabriel 4-0 a tan só un set e victoria, unha equivocación na solta provoca que perda o set e con isto a concentración, o que aproveita Otero, gañando o encontro 6-4 e, por conseguinte, apeando a Gabriel da competición. Campa, pola súa parte, disputou a súa eliminatoria contra o representante do clube anfitrión, o Club Narón: Rodrigo, quen fixo valer o seu nivel gañando cun contundente 6-0, pero Campa amósase satisfeito, xa que as súas puntuacións, aínda non sendo suficientes para bater a este rival, foron mellores incluso que as acadadas nos rounds de clasificación.
A única representante feminina de Castelarco na categopría Senior non tivo o seu día, unha serie de fallos de material e técnicos deixábana na quinta posición tras das series clasificatorias, cunha puntuación de 412.