“Conseguimos facer un Partido máis unido e máis cohesionado, no que todos remaremos na mesma dirección. Hoxe o Partido Socialista é máis necesario ca nunca. Somos a única alternativa para frear o paro, para volver a conseguir os dereitos que tiñamos: o Estado de Benestar, a Educación e a Sanidade pública para tod@s… Temos que ser capaces de volver a gobernar para combater a desfeita que fixeron e que están a facer os gobernos do Partido Popular. A dereita que temos é a dereita máis conservadora, máis retrógada e máis castigadora de toda a era democrática”, concluíu.
Neste senso, González Santín fíxolle entrega a cada un dos membros da executiva un resumo das propostas aprobadas esta fin de semana.
As primarias de Galicia, “un antes e un despois no futuro do Partido”
Así mesmo, o líder dos socialistas lucenses destacou que, no encontro desta fin de semana, tamén “quedou claro que a experiencia piloto de primarias abertas de Galicia, na que saíu elexido o noso secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro, marcou un antes e un despois no futuro do noso Partido. Sen dúbida, esta será a folla de ruta a seguir a partir de agora. Foi un proceso democrático, no que fomos capaces de facer partícipes a 7.000 compañeiros que exerceron libremente o seu dereito ó voto para elexir ó noso representante galego; un proceso no que os socilistas demos exemplo; un proceso no que conseguimos que o Partido dese un xiro á esquerda; un proceso que tantos galegos e galegas estaban agardando… e que nos permitiu sentar as bases deste Partido a nivel galego e estatal”.
Respaldo ós traballadores de Sargadelos e de Cementos Cosmos
A crítica situación que está na atravesar a fábrica de Sargadelos e Cementos Cosmos foi outro dos temas abordados na xuntanza de hoxe. Deste xeito, os socialistas acordaron manter unha reunión nos vindeiros días co Comité de Empresa de ambas as dúas factorías para determinar as fórmulas nas que o Partido levará este asunto ó Parlamento galego para esixir á Xunta de Galicia “que garanta unha saída consensuada cos traballadores a estas factorías, que son un dos emblemas non só de toda a Mariña e da Zona Sur, senón de toda a provincia e, incluso, de Galicia”.
Deste xeito, os socialistas consideran que a solución proposta pola administración autonómica, e que contempla a aplicación dun ERE, que afectaría a 41 traballadores da fábrica de Cervo e a 29 da de Sada,”non é unha solución axeitada”. Por elo, lamentan que “o goberno de Feijóo non fose quen de garantir a viabilidade desta empresa, a pesares de inxectarlle o pasado ano 1 millóns de euros, dos que 600.000 euros foron a través de entidades de titularidade autonómica e 400.000 a fondo perdido”. A este respecto, o secretario provincial engadiu que “unha vez máis asistimos a un novo desastre do goberno feijoniano. Todo o que toca, acaba con el. Esta é a mesma situación que a que se deu con Alimentos Lácteos: a Xunta dá cartos, pero logo as empresas terminan votando o peche. Os socialistas esixiremos no Parlamento que Feijóo e a Consellería dén a cara neste asunto”.
No caso da empresa de cemento, este mesmo xoves, 14 de novembro, o secretario provincial e varios deputados autonómicos, acompañados dos voceiros do PSOE na comarca de Sarria, manterán unha xuntanza cos representantes dos traballadores para abordar a problemática do inminente peche da fábrica de de Oural. A reunión será ás 19:30 horas, na sede do PSOE sarriano.
O PSOE a pé de rúa
Ademais das conclusións da conferencia política e da problemática de Sargadelos, González Santín aproveitou a xuntanza co seu equipo para anunciarlles que, por primeira vez, a executiva comezará a descentralizarse. É dicir, celebraranse reunións nas comarcas para coñecer as propostas das respectivas agrupacións que, posteriormente, serán debatidas e analizadas nunha reunión centralizada que se celebrará en Lugo, na sede do Partido.
“Se estamos na sede, non servimos para nada. O que temos que facer é estar cos nosos veciños, cos nosos militantes, coas nosas agrupacións…Temos que se capaces de estar coa xente. Os cidadáns desta provincia precisan ó Partido Socialista, as familias que pagan polo comedor escolar precisan ó Partido Socialista, os universitarios que van quedar sen bolsas Erasmus precisan ó Partido Socialista, os veciños da Montaña que teñen que facer un percorrido de ata 4 horas para ser tratados en Coruña por non ter o HULA os servizos que necesitan precisan ó Partido Socialista, os gandeiros que ven como a Xunta de Galicia non levou a cabo nin unha soa iniciativa para mellorar os prezos do leite e da carne precisan ó Partido Socialista….”.
Deste xeito, subliñou que o primeiro destes encontros celebrarase na comarca de Fonsagrada. “A executiva trasladadarase a cada comarca. Ninguén quedará descolgado no noso proxecto. Este é o meu obxectivo”, sentenciou.
Dinámica de traballo
Esta foi a segunda reunión da executiva provincial que presidiu González Santín logo de proclamarse secretario provincial. A primeira celebrouse hai dúas semanas, xusto dous días despois de que saíse elexido co 94% dos votos, e na que o líder dos socialistas lucenses cumpriu a palabra dada a todos os simpatizantes do Partido no congreso, poñendo en marcha a Secretaría da Militancia.
Preciamente, este departamento xa está a servir de enlace entre a executiva e os militantes co fin de atender eficazmente as súas peticións. Proba delo é que calquera simpatizante pode expresar a súa proposta ou as súas necesidades vía telefónica, a través do enderezo electrónico secretariadomilitante@gmail.com ou do formulario da páxina web do PSdeG-PSOE de Lugo psoeprovincialdelugo.com.