O Burela FS Pescados Rubén tan só puido conseguir un punto nunha tarde pouco afortunada na visita do pechacancelas, Colegios Arenas Gran Canaria (2-2), que chegaba sen puntos a Vista Alegre. Malia tomar a iniciativa sobre a pista, os pupilos de Juanlu víronse obrigados a ir a remolque no marcador nun partido que pechou Matamoros co empate a 18 segundos para a bucina final.
Comezaron os locais con ganas de dominar o xogo e poñer perigo sobre a meta canaria, con grandes chegadas de Mimi, xa no minuto 1, e Hugo, no 3. No entanto, foi o Colegios Arenas o que atopou a primeira diana; practicamente na súa primeira ocasión, Aitor gañaba un rexeitamento de Edu no chan e dáballes a vantaxe aos visitantes, no minuto 4 (0-1). Os laranxas reaccionaron intensificando o seu ataque, aínda que de lonxe; aos poucos, foron conseguindo adiantar as súas filas. Roldando o ecuador da primeira parte, Burrito apuraba un balón na liña de fondo, e Matamoros e Hugo atopábanse cun gran Dani Cabezón. Pero aí estaba Antoñito para aproveitar un rexeitamento alto ao que chegou tarde Mata, para cravar na rede un balón ante o que o porteiro canario non puido reaccionar, o 1-1, no minuto 13. Pouco despois, Edu salvou o insalvable no bordo da liña de meta, un balón envenenado de Aitor. Na recta final de primeiro acto, Isi aínda puido sorprender sen éxito.
Con cinco faltas acumuladas, Juanlu apostou polo xogo de cinco abandeirado por Mimi, no minuto 36. Crearon perigo inmediato Mata e Hugo, ante un acertadísimo Dani Cabezón; con todo, o Burela FS Pescados Rubén non estaba disposto a pechar a 11ª xornada sen puntuar e o gol tan pelexado por fin chegou, a falta de 18 segundos, nas zapatillas de Matamoros. Sobre a bucina, o meta insular salvou unha frenética embestida dos laranxas adiantándose sobre o ataque burelense.
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Hugo, Matamoros e Antoñito, no cinco inicial; tamén xogaron Juanma, Iago Míguez, Isi, Burrito
Colegios Arenas Gran Canaria FS: Dani Cabezón, Glauber, Campoy, Aitor e Julio, no cinco inicial; tamén xogaron Juampe, Juanillo, Lincon
Goles: 0-1, minuto 4, Campoy; 1-1, minuto 13, Antoñito; 1-2, minuto 24, Mimi (p.p.), 2-2, minuto 40, Matamoros
Árbitros: Cid Bragado (Galicia) // Velasco Martínez (Asturias)
Tarxetas: Por Colegios Arenas, amarela a Aitor (minuto 14), Julio (minuto 21). Por Burela FS, amarela a Hugo (minuto 20), Matamoros (minuto 30), Isi (minuto 32), Iago Míguez (minuto 32).
Incidencias: Partido correspondente á undécima xornada de Primeira División LNFS (Vista Alegre), con 900 espectadores nas bancadas.
*FOTO: A Caixa Escura Producións.