Burela, 18 de novembro de 2013. O Concello organiza diversas actividades para conmemorar o día internacional para a eliminación de violencia contra a muller. Haberá un contacontos o domingo, 24 de novembro, e unha xornada informativa sobre os recursos locais de apoio á muller o 25 de novembro. Ese día tamén se entregarán os premios aos gañadores do concursos de microrrelatos e de lemas deste 2013 e o alcalde, José Mª González Barcia, lerá un manifesto.
Segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, “durante todo o mes de novembro centrámonos nesta problemática. Xa hai días que colgamos na fachada do Concello unha pancarta conmemorativa do 25 de novembro e organizamos VII Concurso de Microrrelatos e o III Concurso de Lemas. E agora procederemos ao reparto de pegatinas polos comercios do pobo, co obxectivo de que sexan colocadas en sitios visibles e deste xeito achegar, aínda un pouco máis, información importante aos nosos veciños e veciñas”.
O vindeiro domingo, 24 de novembro, ás 17:30 horas haberá un contacontos contra a violencia de xénero Contamos coa igualdade. Será nos baixos do local de asociacións (antiga praza de abastos).
E o luns, 25 de novembro, “durante toda a mañá distribuiranse lazos de cor morada entre a poboación e tamén a publicación realizada cos microrrelatos gañadores do 2012. Colocaremos na entrada do Concello un libro de firmas para que todas as persoas que o desexen poidan deixar a súa opinión sobre esta lacra social e instalarase unha mesa promovida pola asociación Mulleres en Igualdade de Burela”. A partires das 19 horas no salón de plenos do Concello terá lugar unha xornada informativa sobre os recursos locais de apoio á muller e contra a violencia de xénero, a cargo do persoal do CIM “queremos dar a coñecer as prestacións, os obxectivos e a quen está dirixido o Centro de Información ás Mulleres. O acto titúlase Muller, qué é o CIM?”, seguiu a relatar Diana Durán. Ás 19:30 horas será a entrega de premios do VII Concurco de Microrrelatos e do III Concurso de Lemas e ás 19:45 haberá a lectura do manifesto por parte do alcalde, José Mª González Barcia.
A edil de Servizos Sociais subliñou que “en decembro o día 16 teremos unha actividade especialmente orientada ao alumnado do 3º e 4º de ESO. Trátase do espectáculo teatral I’ll be watching you, que promove a Secretaría Xeral de Igualdade”.