Site icon Crónica3.com A Mariña

Val critica que o PP pida no Parlamento a garantía da flota de arrastre cando rexeitaron a proposta na que o PSOE solicitaba exactamente o mesmo

O deputado da Mariña no Parlamento galego, José Ramón Val, denuncia “a incoherencia do Partido Popular” ó levar ó Parlamento galego unha proposta non de lei na que se pide exactamente o mesmo que na presentada o 11 de abril deste mesmo ano polos socialistas, e que foi debatida na Comisión de Pesca e Marisqueo hais uns meses e votada en contra polos populares. Naquel momento, lembra o deputado mariñán, “instamos ó Goberno autonómico a poñer en marcha todas as accións precisas para garantir no futuro o traballo da flota de arrastre galega e da Mariña nos caladoiros comunitarios, así como que se garantan as posibilidades de traballar nas mesmas zonas de pesca que ata o de agora. Hoxe debatemos unha PNL do Grupo Popular cos mesmos obxectivos… O que hai uns meses non estaba na axenda do Partido Popular, hoxe si parece estalo….cuestión esta que chega tarde”, subraiou o socialista.

“Pouco ou nada ten feito este goberno polo sector pesqueiro”
Neste senso, José Ramón Val asegura que “polo camino entre o debate da PNL do grupo socialista e esta que tratamos hoxe, teñen acontecido cousas importantes…. teñen acontecido cousas que sen dúbida abren unha porta e que significan unha luz para o sector de arrastre e enmalle en augas profundas… pero non son debidas ás xestións deste goberno nin tampouco do grupo maioritario desta Cámara”.

A este respecto, explicou que, a proposta de modificación do regulamento de pesca en augas profundas é de hai xa máis dun ano, de xuño de 2012, “polo que pouco ou nada ten feito este goberno neste tempo por defender os intereses do sector pesqueiro galego”. Afortunadamente, asegura o deputado autonómico, o traballo do sector, transladándolle ós Eurodeputados o impacto social e económico que esta medida podia ter nas comunidades costeiras, fixo que o pasado 3 de novembro deste mesmo ano o resultado da votación na Comisión de Pesca da Unión Europea a esta proposta de regulamento fose desfavorable por introducir esta prohibición, ademais de propor unha serie de variacións e propostas que significan “un balón de osíxeno” para os profesionais do mar, ó trasladar unha moratoria de catro anos dende a entrada en vigor da normativa para evaluar o impacto destas artes sobre as zonas e as especies máis vulnerables.

Deste xeito, o socialista defendeu que “se dentro de catro anos esta pesca se realiza conforme ó principio de rendemento máximo sostible debería continuar a actividade de xeito normal, é dicir, que se abre unha oportunidade para que o sector siga apostando pola sostibilidade”.

“A Eurocámara e o Consello de Ministros deben refrendar esta decisión”
No prazo dun ano, dende a entrada en vigor do Regulamento, está previsto que se definan aquelas áreas de pesca máis vulnerables e nas que o arrastre poderá quedar excluído. A lista de áreas de exclusión revisarase de forma anual conforme a criterios científicos, polo que “esta decisión da Comisión ten que ser refrendada polo Pleno da Eurocámara e polo Consello de Ministros”.

“Por iso, logo do traballo desenvolto polo propio sector, pola sensibilidade dos eurodeputados…. resulta moi pretencioso que veñan vostedes a esta Cámara a apuntarse un tanto, pretendendo facer ver que defenden os intereses do sector pesqueiro galego. Esta é outra máis das iniciativas que nos teñen acostumados ultimamente, puro marketing….son capaces vostedes de defender unha cousa e a contraria, son capaces de votar vostedes en contra dunha iniciativa que pretende xustamente o mesmo que hoxe vostedes presentan”, afirmou o socialista.

Por elo, José Ramón Val, solicitou ós integrantes do Partido Popular na Cámara galega “un pouco de coherencia”, ó tempo que lles pediu que “deixen de engañar ó sector e ter altura de miras aínda que quen presente unha proposta sexan os grupos da oposición, nós ó contrario do que teñen feito vostedes votamos a favor”.

Exit mobile version