Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia colabora no deseño de recursos educativos multimedia para persoas con capacidades diferentes da UNED de Lugo

uned_outeiroLugo, 15 de novembro de 2013. O delegado de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico, o nacionalista Mario Outeiro, informou este venres na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación que se vén de aprobar esta mesma mañá un convenio de colaboración polo que o ente provincial outorga unha subvención de 25.000 euros para sufragar os gastos derivados do proxecto “Deseño de videoclases AVIP e recursos multimedia accesibles nun entorno EEES (Espazo Europeo de Educación Superior) de ensinanza a distancia”.

O obxectivo principal deste proxecto é mellorar o grado de accesibilidade á actual ferramenta AVIP da UNED, baseada nunha plataforma de telecomunicacións e medios audiovisuais que permite o acceso a seminarios e contidos desde as aulas universitarias dependentes de cada centro asociado e desde calquera punto con acceso a internet.

Neste senso, Mario Outeiro explicou que “é un feito probado que as novas tecnoloxías e, en particular, as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) aportan dimensións ata agora inalcanzables para as persoas que padecen algún tipo de discapacidade, axudándoos a suplir as súas carencias e potenciando as súas capacidades, ao tempo que potencian a súa autonomía e independencia e favorecen a súa integración familiar e social”.

“É evidente – continuou o delegado- que o acceso á información on-line ofrece significantes vantaxes fronte ao papel para este colectivo e tamén para persoas maiores. As novas tecnoloxías permiten ás persoas con discapacidade realizar actividades que doutro xeito lles resultarían moito máis arduas e posibilítanlles acceder a servizos que lles estaban vedados”.

O proxecto “Deseño de videoclases e recursos multimedia accesibles nun entorno EEES (Espazo Europeo de Educación Superior) de ensinanza a distancia” enmárcase no campo das Tecnoloxías da Rehabilitación, que constitúe un sector tecnolóxico multidisciplinar orientado á procura de solucións no campo da accesibilidade integral mediante dúas estratexias de intervención diferentes pero complementarias: o desenvolvemento de axudas técnicas, dispositivos e sistemas deseñados especificamente para persoas con discapacidade ou persoas maiores; e a mellora da accesibilidade no deseño da contorna de uso xeral e dos produtos e servizos de consumo xeral.

Mario Outeiro rematou loando “a importante función social que leva a cabo a UNED de Lugo grazas a cal, ademais do público en xeral, persoas con capacidades diferentes poden acceder á formación, algo que contrasta coas políticas de austeridade en materia de Educación da Xunta de Galiza que opta por reducir profesores universitarios. A austeridade non debe implicar recortes na educación xa que sen ela non lograremos superar a situación de crise. A Universidade debe ofrecer coñecementos de calidade pero tamén debe fomentar o espírito emprendedor dos estudantes”.

Bolsas formativas
Mario Outeiro tamén informou da aprobacióndas bases que rexerán a oferta de tres bolsas formativas en materia de “Educador/a Museos”, “Arquivos/Biblioteca” e “Investigación Ceramolóxica” para a Rede Museística Provincial de Lugo, e que terán unha duración de 7 meses durante as anualidades 2013-2014, dotadas cunha contía próxima aos 6.000 euros cada unha delas.

Exit mobile version