A área de Turismo e APEHL están de acordo en traballar para desestacionalizar a chegada de visitantes e ofrecer alternativas ao turismo masificado, o que aseguran “require facer un esforzo económico na difusión do patrimonio cultural material e inmaterial, gastronómico e natural da provincia. Todas as nosas comarcas teñen particularidades e marcos incomparábeis e irrepetíbeis cheos de cultura e encanto que debemos xestionar adecuadamente para que actúen como polos de atracción turística”.
“O turismo –precisou o delegado- foi sempre un factor determinante no desenvolvemento do país tanto en termos económicos como de xeración de emprego, chegando a supoñer até case o 14 por cento do PIB español. Agora, o sector público e os axentes privados debemos traballar conxuntamente para que recupere ese papel e volva ser un estímulo que axude superar a situación de crise que vivimos”.
Desde a APEHL entenden que se debe facer unha promoción turística conxunta a nivel provincial. “Temos moitísimo que ofrecer deste o punto de vista turístico, pero hai que ter en conta que moitos deses aspectos son descoñecidos, polo que é necesario poñelos en valor e dalos a coñecer”, puntualizou Cheché Real.
Neste sentido, e grazas á colaboración da Deputación de Lugo, desde a APEHL, a asociación empresarial máis grande de toda a provincia, están a desenvolver un importantísimo labor na promoción turística de Lugo. Entre as súas últimas accións está a edición dunha guía turística provincial, así como unha maior involucración nas novas tecnoloxías coa adaptación do espazo web aos móbiles e ás redes sociais.