Site icon Crónica3.com A Mariña

Vista Alegre engalánase de duelo galego de elite (sábado 23, 18.30 horas)

O pavillón Vista Alegre engalanarase na décima xornada da elite para recibir o sempre emocionante duelo galego entre o Burela FS Pescados Rubén e o histórico Ponte Ourense. Este sábado, o espectáculo en forma de derbi arrancará ás 18.30 horas.

Dende a segunda praza (22 puntos), empatado con Ciudad de Alcorcón, o cadro mariñán recibe as pontinas, na novena posición (11 puntos) encadeando dúas derrotas nas últimas xornadas, e novidades nas súas filas, coa volta de Óscar Vivian ao banco. Para o técnico burelista, Quico Otero, a emoción está garantida e advirte da especial perigosidade con que chega o rival: “Será un derbi trampa porque a motivación se multiplicará polas circunstancias. O rival virá con ganas dun cambio radical, motivado polo novo adestrador e pola necesidade de puntos para escalar posicións” adiantaba Quico Otero, dando especial relevancia “ás alternativas de xogo do Ponte e ao perigo que xera con pivote”.

Dende o vestiario laranxa, unha das grandes coñecedoras do Ponte, Cris, tamén coincide nas virtudes das visitantes incidindo ademais na “calidade individual, na posesión de balón e na solidez baixo os paus, coa porteira internacional Vane”. A 3 burelista prevé un partido moi igualado e con moitas ganas por ambos os lados, no que as ourensás non ofrecerán grandes diferenzas: “O Ponte Ourense ten un estilo moi definido; xogadoras e técnico xa se coñecen e o regreso do adestrador non influirá demasiado na filosofía de xogo”. Para a última incorporación mariñá este será un partido especial: “Despois de tantos anos no Ponte esta será a primeira vez que me enfronte a un equipo no que deixei compañeiras e amigas; a sensación vai ser rara, aínda que agora loito por isto e con outras compañeiras e este é o meu principal obxectivo”.

Nas filas laranxas entrará Paula na convocatoria, aínda que con certa precaución tras os problemas que minguaron a súa participación dende pretempada, e chegan entre algodóns Lidia Mesías e Lara.

Profesoras por un día
As porteiras Patri e Jozi e a xogadora Bea Mateos participaron este venres no Curso de Monitor Deportivo que durante estes días se está impartindo no Centro Ocupacional do Concello de Burela.

As representantes do CD Burela FS Pescados Rubén compartiron coñecementos e experiencias cos 15 alumnos/as do curso de formación para desempregados e o seu profesorado, ademais de convidalos para o gran derbi galego deste sábado.

Exit mobile version