O III Torneo de Pádel a prol de Unicef, que se vai celebrar os días 13, 14 e 15 de decembro nas instalacións de +qpádel Lugo, xa conta con arredor de 160 persoas inscritas, todo un éxito a nivel participativo. Ademais dos partidos de pádel, para os que se establecen as categorías dobres masculino, dobres feminino e individual masculino, con tres niveis de xogo: experto, avanzado e iniciación; incluirá tenis de mesa e bádminton, para os que haberá unha única categoría: open individual. Ademais, como novidade e en resposta á gran afluencia de nenas e nenos na pasada edición, nesta edición establécese unha categoría infantil.
Segundo explicou Antonio Veiga, “este é un evento necesario para reflexionar sobre a situación que se está a vivir non só a nivel estatal senón tamén a nivel mundial” e precisou que “independentemente do auxe que ten a día de hoxe o pádel, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo consideramos de gran importancia os valores que hai detrás de todo deporte e detrás do labor que leva a cabo Unicef, polo que brindamos o noso apoio a esta actividade, a que esperamos teña continuidade en anos vindeiros”.
A organización do torneo está pensada para potenciar a participación por enriba doutros aspectos, xa que canta maior sexa a afluencia de xogadoras e xogadores, maiores serán os fondos que conseguirá a Unicef para continuar desenvolvendo o seu labor de cara á loita polos dereitos das nenas e nenos do mundo.
Os fondos que se recaden coa celebración deste torneo irán destinados principalmente á vacinación de crianzas de países próximos onde os máis pequenos non teñen cubertas necesidades primarias como pode ser o dereito á vida, contribuíndo así á supervivencia infantil.