Site icon Crónica3.com A Mariña

A campaña de Nadal de ACISA Ribadeo inclúe o sorteo de 7.000 euros en vales de compra

Ribadeo, 16 de decembro de 2013. A campaña organizada para este Nadal pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) de Ribadeo inclúe o sorteo de 7.000 euros en vales de compra. Ademais promove un concurso de escaparates e as visitas de Papá Noel e do carteiro dos Reis Magos.

Dende este luns 16 de decembro ata o 5 de xaneiro de 2014 os establecementos de Acisa Ribadeo repartirán gratuitamente entre os seus clientes papeletas para o sorteo de 7.000 euros en vales de compra. Hai tres premios: o primeiro é de 4.000 euros; o segundo, de 2.000 e o terceiro, de mil. Serán para os posuidores das papeletas cuxos números coincidan cos do primeiro, segundo e terceiro premio do sorteo do Neno da Lotería Nacional, que se celebrará o 6 de xaneiro de 2014.

Os gañadores deberán presentar as papeletas premiadas nas oficinas de Acisa Ribadeo antes das 24 horas do día 6 de febreiro de 2014 e os vales de compra poderán canxealos nos establecementos pertencentes á asociación durante o mes de marzo de 2014.

O colectivo empresarial ribadense organiza tamén a visita de Papá Noel, que percorrerá a zona comercial de Ribadeo os días 22, 23 e 24 deste mes e regalará caramelos a nenos e maiores. E ademais o carteiro dos Reis Magos estará os días 2, 3 e 4 de xaneiro de 2014 polas tardes na entrada do Cine Teatro para recibir aos nenos e escoitar as súas peticións.

Outra iniciativa promovida por Acisa Ribadeo para este Nadal é o concurso de escaparates, que este ano terá como novidade que será de temática libre e constará de cinco premios.

Exit mobile version