Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa das Letras de Ribadeo presenta este xoves o ‘Caderno de Viaxe: o Camiño de Santiago’

O xoves 5 de decembro de 2013 verá a luz un Caderno de Viaxe co que a Asociación Cultural Casa das Letras trata de contribuír á posta en valor dun dos elementos patrimoniais que, polas súas características culturais, históricas e naturais, o converten nun dos máis emblemáticos de Galicia, o CAMIÑO DE SANTIAGO.

A través de 60 acuarelas e tres breves textos introdutorios (autoría de John Rutherford, Eduardo Baamonde e Asociación Casa das Letras) pretendemos achegar aos peregrinos e visitantes o patrimonio (arte, historia, etnografía, natureza,….) más salientable desta ruta xacobea, o CAMIÑO DO NORTE, ao tempo que lle damos ao lector a posibilidade de plasmar no propio caderno as impresións e suxerencias que lle provocan os lugares escollidos polo ilustrador.

Foi fundamental para poder levar adiante este proxecto a colaboración do pintor e ilustrador galego EDUARDO BAAMONDE (eduardobaamonde.blogspot.com), presente noutros proxectos que tiveron que ver coa comarca de A Mariña: Aventura na Mariña, A Ruta Pardo de Cela e Caderno de Viaxe: Ribadeo.

Este Caderno de viaxe, que se presenta en galego, castelán e inglés, é a continuación dun proxecto máis amplo, iniciado co dedicado a Ribadeo e que terá continuidade ao longo dos vindeiros meses e que permitirá acometer unha serie de publicacións encamiñadas á promoción dos CAMIÑOS DE SANTIAGO en Galicia e para o que contamos coa inestimable colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Pensamos neste proxecto co convencemento de que, con iniciativas como esta, axudamos a valorizar lugares e elementos patrimoniais que tiveron e teñen un importante protagonismo na Historia de Galicia.

Exit mobile version