Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Saúde fai un chamamento á poboación para que se mobilice o día 10 en Burela na defensa da sanidade pública

O persoal do SERGAS está chamado á folga os días 9 e 10 de decembro para manifestar o seu rexeitamento ás privatizacións, aos copagamentos e en defensa dunha sanidade pública, de calidade, universal e gratuíta. Con esta convocatoria denúncianse ademais as deficiencias na atención, derivadas da imposición dunha taxa de reposición do 10%, e os recortes laborais e salariais decretados polo SERGAS. A CIG-Saúde fai un chamamento aos mariñaos e mariñás para que se sume ás mobilización convocada en Burela na defensa dun servizo público esencial, como é o sanitario, e contra os pasos que a Xunta de Galiza está a dar no camiño da súa privatización.

A CIG-Saúde, xunto coas demais organizacións convocantes destas xornadas de folga, alerta de que un dos principais perigos que corre a sanidade pública galega é a súa privatización. Un camiño xa emprendido polo PP tanto desde a Xunta de Galiza como a nivel de estado desde o goberno central e que se vai materializando a través das diferentes medidas adoptadas, como o repagamento dos medicamentos prescritos polo persoal facultativo, que está dificultando o acceso da poboación aos mesmos e poñendo en risco a saúde das persoas máis enfermas e con menos recursos ou o incremento do número de camas pechadas, principalmente no verán, pero cada vez durante máis tempo, paralizando a actividade e incrementando as listaxes de espera, sen esquecer un Decreto de Xestión Integrada que está a desmantelar o Hospital da Costa e os Centros de Saúde da Mariña.O deterioro da sanidade pública tamén se vai facendo cada vez máis evidente, por mor da falta de persoal, ao aplicarse unha taxa de reposición do 10% de efectivos que, advirten, fará imposible, en breve, prestar unha atención sanitaria de calidade. De feito denuncian que, con esta medida o que se pretende é favorecer á sanidade privada, e de aí o incremento de concertos, para derivar doentes que non poidan ser atendidos/as no sistema público por falta de persoal.

As organizacións convocantes da folga xeral tamén denunciaron as consecuencias das continuas privatizacións que están a provocar que uns poucos fagan negocio a cargo dos fondos públicos, cando está máis que demostrado que os servizos xestionados directamente polo SERGAS son máis eficientes e eficaces.

Recortes laborais
No ámbito estritamente laboral denuncian os continuos recortes salariais, vía decreto, polos que se lles suprimiu o complemento específico das pagas extra, mais tamén a perda de dereitos laborais, como o complemento retributivo en caso IT, a perda de días de libranza, o incremento de xornada, ou a falta de respecto polos acordos asinados na Mesa Sectorial.

Tamén denunciaron que na Lei de Orzamentos de 2014 se inclúe un texto que indica que só se van convocar OPEs para determinados colectivos, impedindo o dereito de todo o persoal á consolidación de emprego e que a administración está a impedir a mobilidade voluntaria de traballadores/as, tal e como recolle a lexislación vixente ao non convocaren concursos de traslados para todas as categorías profesionais.

Xestión clínica
Xunto a isto alertan tamén do decreto de xestión clínica, que introduce unha maior flexibilidade e desregulación das condicións laborais e abre as portas ás privatizacións.

Manifestación o martes 10 de decembro ás 20,30 horas´ en Burela con saída do Hospital da Costa.

Ante a gravidade da situación a CIG-Saúde fai un chamamento non só ao persoal da sanidade pública a sumarse á folga xeral, senón tamén á poboación en xeral a que participe nas mobilizacións para exixir que o sistema público, que se paga a través dos impostos de todas as galegas e galegos, non se converta nun negocio para a privada.

Exit mobile version