Site icon Crónica3.com A Mariña

A comisión de festas da Virxe do Carme organiza a Arroutada Inocente e a Festa de Fin de Ano

fin_anoA comisión de festas da Virxe do Carme presentou este luns dous eventos que se porán en marcha nestes días. Trátase, por unha banda, da Arroutada Inocente e, por outra, da Festa de Fin de Ano. A máis próxima no tempo é a Arroutada Inocente, fixada para o día 28 de decembro coincidindo co Día dos Santos Inocentes. Neste festival están confirmadas as actuacións dos grupos locais Clan Maragato e GLS así como a participación da discoteca móbil Decibelio´s.

Un evento que terá lugar nunha carpa climatizada aberta ao público e de entrada libre instalada na praza dos Campos de San Ciprián. A carpa estará aberta dende as 22:00 horas, mentres as actuación arrincarán ás 00:00 horas.

Nesa mesma carpa a comisión de festas da Virxe do Carme ofrecerá a primeira Festa de Fin de Ano, que tamén será de entrada gratuíta e que estará aberta o día 31 de decembro a partir da 01:00 horas. Nela haberá música de forma continuada coa orquestra Troco e a discoteca móbil Decibelio´s. Cabe destacar tamén que ao longo da noite sortearase unha cesta de Nadal, doada polos comercios e locais de hostalería de San Ciprián.

A comisión de festas da Virxe do Carme, representada polo seu presidente, José Ramón Soto, deu a coñecer hoxe os carteis xunto a Yolanda Pedreira, edil de Xuventude do Concello de Cervo, ente que colabora na posta en marcha de ambas celebracións, nas que tamén participa Espectáculos San Roque.

Soto destacou que “se trata de dous eventos que pretendemos lle dean actividade e movemento á vila de San Ciprián nestas datas festivas, complementando a oferta de lecer do Nadal, apostando pola música e a diversión e buscando a implicación da poboación, tanto do municipio como de fóra”.

Exit mobile version