Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación cervense debaterá unha proposta de alcaldía de condena á represión franquista

Cervo, 5 de decembro de 2013- O pleno da corporación que se celebra este xoves (20 horas, Casa do Concello) abordará unha proposta de alcaldía coa que se pretende poñer de manifesto a repulsa colectiva á represión franquista e, ao mesmo tempo, apoiar á vítimas e familias de Cervo que a sufriron.

Na exposición de motivos, a proposta explica que no concello houbo persoas e familias que sufriron a represión franquista mediante cárcere, exilio ou penas de morte “só por defender os seus ideais democráticos”. Por todo iso, o texto manifesta que “está xustificado un adecuado recoñecemento e satisfacción moral ás vítimas desa represión e darlles así o dereito á verdade histórica”.

En canto ao acordo a adoptar por parte da corporación é o seguinte: “O pleno da corporación municipal de Cervo acorda expresar a condena unánime á represión franquista neste Concello así como o apoio a todas as vítimas oriúndas ou veciñas do Concello”.

O goberno local lembra que no pleno de setembro xa anunciara que presentaría unha proposta despois de que nesa sesión o BNG de Cervo incluíu unha moción na que mesturaba no mesmo texto a condena á represión franquista coa petición de destitución do alcalde de Baralla. Un tema “tan sensible e de tal importancia merece unha moción única que poña de manifesto o sentir da poboación e que non se mesture o recordo dos veciños de Cervo co alcalde de Baralla nin con calquera outro asunto” explican dende o goberno municipal.

Tamén se debaterá outra proposta de alcaldía, neste caso para poñerlle nome a unha rúa. En concreto, trátase dunha vía que comunica a rúa da Igrexa coa estrada de acceso á Senra, no núcleo de Cervo, e que non tiña ningunha denominación. A proposta de alcaldía é chamarlle rúa Preguiza, precisamente porque se atopa nunha zona que se coñece comunmente con ese nome.

Exit mobile version