Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo sae de XESTUR ante a “ineficacia” desta sociedade, que adebeda 261 millóns de euros

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, participou este luns en Santiago de Compostela na reunión da Xunta Xeral Extraordinaria de XESTUR, na que se acordou a saída da Deputación de Lugo desta sociedade “ante a mala xestión da Xunta de Galicia, que fixo que esta sociedade acumule unha débeda de 261 millóns de euros e sexa totalmente ineficaz”.

García Porto salientou que “a Xunta de Feijóo non ofreceu incentivo algún a empresarios e emprendedores para asentar as súas empresas nos polígonos que xestiona XESTUR. Isto supuxo que esta sociedade acumule 2,8 millóns de metros cadrados baleiros nas súas áreas industriais –o triplo da superficie das 7 cidades galegas- unha débeda financeira coas entidades bancarias de 181 millóns de euros, que se engaden ós 80 millóns de euros que adebeda ós provedores”.

“O Goberno galego non ten intención algunha de modificar as súas políticas, mantendo prezos do solo desorbitados. Por exemplo, o prezo medio do polígono das Gándaras é de 110 euros por metro cadrado. Deste xeito, XESTUR seguirá incrementando a súa débeda e seguirá sendo ineficaz”, remarcou.

Tal e como recolle a acta da Xunta Xeral Extraordinaria de XESTUR celebrada hoxe, a Xunta de Galicia plantexou inicialmente -en xaneiro de 2012- a saída das catro Deputacións de XESTUR ante a fusión das catro sociedades –proceso que culminou este luns- ó entender que “perden a base territorial que xustificaba a súa participación”. Nembargantes, ante a débeda que acumula e por requirimento das entidades financeiras, o Executivo autonómico viuse na obriga de cambiar de parecer.

A Deputación de Lugo comunicou na Xunta Xeral de XESTUR do 18 de novembro do 2013, o seu interese de saída desta sociedade unha vez concluído o proceso de fusión. As restantes Deputacións de Galicia adiantaron hoxe que tamén estudarán a súa posible saída.

A Deputación de Lugo levará a cabo as funcións obxecto de XESTUR na provincia dende a Sociedade Urbanística Provincial –SUPLUSA-, continuando coa xestión do solo empresarial en 7 polígonos: Begonte, Castroverde, Baleira, Ourol, Friol, Chantada e Paradela.

Para elo, e en contraposición co que fai a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo xa rebaixou o prezo por metro cadrado nos últimos anos ata situalo nos 35 euros. Ademais, puxo en marcha unha fórmula pioneira en España para favorecer o asentamento empresarial e crear emprego, que consiste en financiar nun mesmo paquete o custe da parcela e a construción das instalacións.

Exit mobile version