A reunión comezou pedindo á Vicepresidenta Segunda unha exposición de motivos que aclarase o porqué da súa petición. Lara Méndez destacou que “os traballadores da fábrica de Sargadelos en Cervo levan catros anos facendo sacrificios para manter a actividade da cerámica. Nembargantes, a factoría atópase nunha difícil situación, que pon en perigo os empregos de 41 persoas, ademais da riqueza patrimonial e cultural que supón para Lugo e en xeral para Galicia Sargadelos, símbolo da nosa identidade galega. Ante esta situación, é preciso a implicación de tódalas administracións, máis aló de que sexa a Xunta a que ten as competencias na materia, para buscar solucións conxuntas e de futuro que garantan a actividade e os postos de traballo da cerámica”.
A Deputada mariñana propuxo que a Xunta amplíe a declaración de Ben de Interese Cultural á cadea de produción e á galería de Sargadelos en Cervo. Ó igual que aconteceu no Pleno Provincial onde todos os Deputados do Partido Popular rexeitaron a proposta de Méndez, os restantes membros do Padroado que participaron na xuntanza negáronse.
A reunión rematou coa aprobación por unanimidade dunha declaración de intencións, que apunta textualmente: O Real Padroado de Sargadelos insta á Xunta de Galicia, á Deputación de Lugo -no que atinxe ó seu ámbito territorial- e ó Concello de Cervo a impulsar as iniciativas e ferramentas ó seu alcance para que, en colaboración coa empresa e traballadores, procurar a viabilidade da cerámica de Sargadelos en Cervo.
Lara Méndez valorou que “é necesario dar un paso máis alá da declaración de intencións por parte das administracións, que xa deron conta da súa disposición de colaboración en distintos órganos de representación, como no Pleno da Deputación de Lugo ou no Parlamento de Galicia. É hora de ofrecer solucións tanxibles. A primeira delas debe ser unha reunión a tres bandas entre administracións (Xunta, Deputación, Concello), empresa e traballadores, na que verdadeiramente coñecer a situación da cerámica e plantexar solucións reais, conxuntas e de futuro, que poderían pasar por un plan de promoción comercial ou un novo plan de viabilidade, cuxa posta en marcha require de coñecer o que aconteceu co anterior, no que o Executivo autonómico investiu 1 millón de euros de cartos públicos, precisamente, para non cometer os mesmos erros e garantir a continuidade de Sargadelos e, polo tanto, o empregos que xera. A Xunta de Galicia, como administración coas competencias, debe liderar, de xeito inmediato, a posta en marcha deste encontro”.