Site icon Crónica3.com A Mariña

A implicación no ámbito social será a principal liña de traballo de NN.XX. de Mondoñedo con Bea Meilán á fronte

Lugo, 21 de decembro de 2013.- Bea Meilán resultou elixida presidenta de Novas Xeracións do Partido Popular de Mondoñedo, durante o congreso celebrado este sábado na Casa da Xuventude da localidade e onde estivo apoiada pola presidenta do PP local, Elena Candia, o seu homónimo na formación provincial de NN.XX., Daniel Vega, e o seu antecesor no cargo da agrupación local, Alberto García; así como do coordinador da comarca da Mariña, Roberto Fernandez.

De 27 anos e da parroquia dos Remedios, a moza anunciou un programa de traballo cuxa liña principal é a da implicación no ámbito social “para intentar cubrir moitas das carencias que existen en Mondoñedo”.

Técnico superior en animación sociocultural e estudante de psicoloxía, Bea Meilán asumiu este compromiso coa convición de que “a xuventude somos o futuro e quero un futuro para Mondoñedo”.

A executiva de Bea Meilán estará integrada por cinco vogais: Alberto García, Sonia Lorigados, Mireya Sante, David Folgueira e Sonia Fernández.

Balance de Novas Xeracións de Mondoñedo

O que foi ata agora presidente da formación local, Alberto García, fixo balance das actividades desenvolvidas ao longo dos últimos tres anos que estivo á fronte da agrupación.

Neste senso, destacou actividades centradas no turismo (foro de apoio, enquisa de valoración), na cultura (conferencia sobre escritores mindonienses), así como a colaboración co Partido Popular, e a actual campaña de recollida de alimentos, entre outras. Ao mesmo tempo resaltou o “incuestionable apoio” que sempre amosou o partido e a formación provincial con Novas Xeracións de Mondoñedo.

Contan coa colaboración de NN.XX provincial e do Partido Popular
O presidente de Novas Xeracións de Lugo, Daniel Vega, brindou o seu apoio á nova executiva e resaltou tanto o traballo desenvolvido por Alberto García como a decisión tomada por Bea Meilán, que “implica ser o nexo político entre a xuventude e o Partido Popular; á voz dos mozos de Mondoñedo e das inquedanzas dos seus veciños”.

A presidenta do PP local, Elena Candia, explicou que Novas Xeracións é clave no proxecto de partido que creamos a nivel local, e destacou dos seus integrantes a súa “ampla formación e compromiso coa localidade”.

Polo tanto, para Candia, os mozos son a peza “imprescindible en calquera organización e ponse á dispoñibilidade da agrupación”.

Exit mobile version