Lugo, 5 de Febreiro de 2013. Unha delegación da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade retomou na xornada deste xoves cun feche na sede do edificio da Xunta de Galiza en Lugo a súa a campaña de mobilizacións contra Decreto 212/2012 coa que se fixaba o copago para o transporte medico non urxente ou para as próteses, que sube un chanzo coa Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, pola que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de contribución da persoa usuaria e que se non somos quen de parar agora vamos seguir na pelexa contra un capital desbocado que non ten outro obxectivo que o de rematar co sistema sanitario público.
O Alcalde de Riotorto e Portavoz da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade indicou que “retomamos a loita, unha loita que vai tomar nos próximos días máis intensidade e contundencia e que imos facer patente no día a día após a a mobilización xeral que os sanitarios galegos preparan para os vindeiros días e que desde a Iniciativa queremos hoxe expresar o noso apoio así como reclamar do conxunto da sociedade unha participación masiva das mobilizacións que están previstas convocar ligadas a elas. Queremos unha reunión xa co Presidente Feijoo e por iso estamos hoxe aquí fechados pero que saiba tamén que non imos reunirnos con el para regatearlle miseria senón pola contra que a nosa demanda non se negocia nin se transaciona, que segue a ser a que vimos demandando desde o minuto cero, isto é instamos ao Goberno Galego a derrogación do Decreto 212/2012 por parte do Estado Español, demandamos do Goberno de Feijoo a que paralice a entrada en vigor da Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia e xa por último esiximos a súa derrogación. Que siga sabendo o Goberno galego, esta é a segunda mensaxe que lle trasladamos, que non imos dar por bo unha resolución que deixa fóra do dereito a saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo, que non se xustifica mesmo desde a perspectiva do aforro para os orzamentos públicos, que non garante que a sanidade en Galiza vaia continuar a ser universal e gratuíta, pois significa, de facto, a ruptura con todas as liñas vermellas que garantían a universalidade da sanidade”.
Federico G. Estoa denunciou que “non imos consentir este novo repagamento, este novo imposto á enfermidade, supón unha carga moi importante na economía de moita xente desfavorecida, persoas que xa non son quen de chegar a fin de mes e outras que xa nin comezan o mes, unha medida que vai significar o sacrificio e o sufrimento para moitas persoas e que só podemos tratar de indigna, inhumana, inxusta, para alén de retratar un goberno que actúa ao servizo do poder económico. Velaquí un novo roubo que forma parte dunha estratexia deseñada para facer caixa a costa das persoas máis desfavorecidas.Aclarémonos o Sr. Núñez Feijoo rematou por converterse nun auténtico pesadelo para os galegos, un perigo público que pon en risco a vida dos doentes crónicos, un autentico killer para enfermos de cancro, de SIDA ou de hepatite, pero que saiba tamén que se persiste nesta liña enfronte vai atoparse con outro autentico pesadelo, isto é o pobo galego, si digo ben o pobo galego, o conxunto dos sectores sociais do noso país obxectivamente interesados na súa liberación nacional e social, que xa estamos exercendo de pesadelo do sr Núñez Feijoo e das fraccións do capital das que actúa de capataz” .