Site icon Crónica3.com A Mariña

A Liga Céltiga Galaica recordou aos Mártires da Frouseira

Este sábado tivo lugar a homenaxe aos Mártires da Frouseira onde se deu lectura ao MANIFESTO DA IDENTIDADE por parte de Helena Sánchez, membro da Liga Céltiga Galaica.

Manifesto da Identidade:A Frouseira 1483-2013
Cúmprense 530 anos do comezo da anexión territorial por parte do outrora denominado Reino de Castela, hoxe sinxela e artificiosamente España.

Unha ocupación que non foi un sinxelo paseo militar senón unha riola de batallas a ferro e fouce cun alto custo por ambas as dúas partes, aínda que nós, os galegos, perdemos a liberdade e o poder de decisión.

Mantivemos a cultura, a lingua e a identidade, non por concesión do ocupante senón por un bravo exercicio de resistencia cotiá, exercicio vixente na actualidade, despois de 530 anos.

Se os galegos do século XV non eran casteláns, os do século XXI non somos españois.

Se onte resistiron nesta montaña, enchoupada en sangue, hoxe… hoxe sodes vós quen ten que escoller e cismar no que cómpre facer, se entregarse dunha vez para rematar sendo unha barriada do extrarradio español, ou empregar a resistencia que nos legaron os mártires da Frouseira, para conquerir unha nación con vontade de seu, coa dignidade na tona da pel, coa identidade pola que morreron os nosos devanceiros como bandeira.

Para encetar este vieiro non hai terra máis solemne ca esta Frouseira dos milleiros de mortos, a cal, podemos converter no primeiro chanzo cara a soberanía nacional, hoxe, aquí, 530 anos despois, onde os nosos tataravós decidiron loitar e morrer ceives, nós decidimos loitar para vivir ceives!

AVANTE GALIZA CEIVE!

Exit mobile version