Site icon Crónica3.com A Mariña

A peza ‘A Zanfonista’ pasa a formar parte da exposición ‘A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo’

Lugo, 19 de decembro de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, vén de presentar, no Museo de Lugo, a peza cerámica A Zanfonista que reinterpreta a figura central de ‘O concerte de zanfona’ (1946), deseñada polo Laboratorio de Formas de Galiza con motivo da exposición A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo.

A Zanfonista pasa así a formar parte da gran primeira mostra realizada en Galiza sobre produción cerámica levada a cabo por Díaz Pardo e na que figuran as obras orixinais dos seus comezos nesta actividade artística, así como tamén os últimos prototipos deseñados por el e os seus colaboradores, entre os que cómpre destacar a Luís Seoane, co que funda o Laboratorio de Formas, pasando pola creación das fábricas de O Castro, Magdalena e Sargadelos. Unha mostra na que tamén se inclúen debuxos e bosquexos inéditos de Isaac Díaz Pardo de pezas realizadas nestas fábricas.

Neste sentido, Mario Outeiro explicou que “a obra cerámica de Isaac Díaz Pardo é o resultado dun proxecto desenvolto durante máis de sesenta anos que, ademais, se converteu nunha das experiencias culturais e empresariais máis importantes da Galiza contemporánea. Seguindo os principios vangardistas da unión arte-industria e tendo sempre presente o seu compromiso con Galiza, creou un modelo de empresa na que os beneficios reverten en cultura coa finalidade de contribuír á modernización desta terra e á recuperación das súas raíces”.

Con esta mostra de máis de 350 pezas que amosan a evolución creativa da cerámica de Isaac Díaz Pardo, o Museo de Lugo convértese no eixo da cultura galega. Isto non fai máis que confirmar o magnífico traballo que se está a desenvolver desde a institución museística e a Área de Cultura da Deputación á hora de lograr que o Museo sexa a entidade cunha aposta máis seria, extensa e continuada a prol da dinamización cultural de Lugo.

Exit mobile version