Site icon Crónica3.com A Mariña

A programación de Nadal do Concello de Foz recolle unha foliada infantil e o concerto da Banda Municipal de Foz

Foz, 20 de decembro de 2013. O concerto de Nadal da banda municipal de música de Foz celebrarase o día 28 deste mes, sábado, na igrexa parroquial. Está incluído na programación para estas datas promovida pola Delegación de Cultura do Concello focense, na que o próximo acto é a foliada infantil de Nadal organizada por A Subela para mañá, sábado, ás seis da tarde na sala Bahía.

Os actos continuarán a vindeira semana: o martes, día de Noiteboa, a partir das doce do mediodía haberá un concerto de panxoliñas polas rúas da vila a cargo dos alumnos e alumnas da escola de música de Foz; e Papá Noel estará tamén percorrendo a localidade, acto organizado pola asociación cultural O Feitizo. O venres, día 27, ás seis e media da tarde na sala Bahía haberá teatro infantil a cargo da compañía Os Quinquilláns, que representará a obra titulada O Merlín. E o sábado 28 ás oito da tarde terá lugar na igrexa parroquial o concerto de Nadal a cargo da banda de música municipal de Foz.

As actividades da seguinte semana empezarán o martes, día de Fin de Ano, ás doce do mediodía con outra actuación polas rúas da vila focense a cargo dos alumnos da escola de música de Foz. Xa no vindeiro ano, o sábado 4 de xaneiro ás sete e media da tarde na sala Bahía haberá un concerto da orquestra Oresmu, da escola de música de Foz.

E a programación de Nadal da Delegación Municipal de Cultura rematará o 5 de xaneiro, domingo, coa cabalgata dos Reis Magos, que sairá as sete da tarde dende a praia da Rapadoira para percorrer as rúas da vila ata chegar ao belén vivinte, organizado polo Colexio do Pilar, que estará na Praza do Concello. Ao remate haberá churros con chocolate e roscón de Reis no patio do colexio número 1.

Exit mobile version