Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta potencia a artesanía da Mariña, rol diferenciador dentro dos atractivos turísticos da comarca

Foz, 17 de decembro de 2013.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, subliñou a firme aposta da Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, por potenciar a artesanía da Mariña como posible factor diferenciador e desestacionalizador da oferta turística da comarca.

Así o manifestou este martes durante a entrega dos premios Alma da artesanía, que promove a Mancomunidade de Municipios mariñá e na que concursaron preto de 70 creacións. “Dende a artesanía tradicional, coas redeiras, a carpintaría de ribeira, os traballos de torneiro, ata a artesanía contemporánea, coas esculturas, a xoiería, a cerámica, cada forma fala dun modo de vida, dunha costume, dunha historia coa denominación desta terra”, afirmou Arias.

A delegada felicitou aos responsables da Mancomunidade e aos artesáns polo éxito da iniciativa e lembrou que a artesanía é un dos eixos centrais do convenio de colaboración entre a Mancomunidade e Turismo de Galicia polo que esta destina 85.000 euros á dinamización turística da zona.

Neste acordo contémplase a creación de rutas da artesanía na Mariña Lucense como produto turístico e promóvese tamén a vinculación entre o Camiño de Santiago Norte e a artesanía. “A Xunta tiña que estar aquí, como está sempre apoiando ao sector –asegurou Arias-, impulsando a proxección da Mariña, xerando valor arredor da comarca dentro da marca Artesanía de Galicia, e apoiando as vosas iniciativas para a promoción e a comercialización”.

Arias destacou que A Mariña é “un dos principais escaparates da provincia” e lembrou que a comarca rexistra 22 establecementos e servizos co distintivo de Q de calidade, isto é, preto do 10% das que existen na comunidade galega.

Engadiu que a comarca require “un tratamento específico dentro da promoción turística que realiza Turismo de Galicia”, e por iso está moi presente nos paquetes turísticos que oferta Turgalicia e define iniciativas concretas como o tren turístico Ruta dos Faros, posto en marcha durante o verán, ou a marca Ribadeo, catedral do mar, proxecto é financiado maioritariamente pola Xunta de Galicia cun investimento de 44.000 euros.

Raquel Arias felicitou tamén aos concellos representados na Mancomunidade por ser capaces de traballar unidos polo progreso da Mariña. Lamentou que nese proxecto común falte un concello (Viveiro) e instou a todas as administracións a colaborar coa Mancomunidade porque “é o nexo de unión entre as institucións e o territorio”.

No acto de entrega dos premios do certame Alma de artesanía participaron tamén Elena Fabeiro Castro, xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, e José Luís Maestro, director de Competitividade de Turismo de Galicia.

Exit mobile version