Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA recorda que “os concellos en SOGAMA poderían detraer até o 50% dos residuos (e dos custos) con sinxelas medidas”

Apostar por modelos máis ecolóxicos, económicos e solidarios na xestión dos residuos non só é unha cuestión de cartos. Con valentía política e compromiso coa cidadanía pódense pór en marcha iniciativas para reducir dende xa a dependencia de SOGAMA.

Desengancharse de SOGAMA é posíbel
A rebelión protagonizada por unha manchea de concellos fronte á suba do canon de SOGAMA anunciada pola Xunta non pode ficar só nunha cuestión económica. Trasladar a presión á Xunta/SOGAMA para que modere o “taxazo” non pode ser o único obxectivo dos concellos afogados por este ruinoso modelo.
Os responsábeis dos municipios atrapados en SOGAMA deben saber que poden, dende o minuto un, comezar a virar cara unha xestión máis ecolóxica dos residuos poñendo en marcha iniciativas e medidas de baixo custo que lles permitirían reducir a dependencia de SOGAMA e aforrar máis dun 50% na factura do lixo.

Medidas para aforrar dende o primeiro momento… sen saír (aínda) de SOGAMA
De xeito inmediato:
Poñer en marchar iniciativas de compostaxe doméstica e comunitaria, para reducir a materia orgánica (máis do 50% por cento do lixo xerado). Isto permitiría reducir inmediatamente o que os concellos e cidadanía pagan a SOGAMA, e investir o aforrado na millora do sistema de recollida (implantando o porta a porta das demáis fraccións) e de tratamento (plantas locais de compostaxe).

A curto-medio prazo:
Habilitar unha área local de compostaxe cunha tecnoloxía moi sinxela e barata (compostaxe en pilas) acompañada dunha recollida selectiva “porta a porta”, enviando a SOGAMA só a fracción resto. Cunha boa recollida selectiva entregariase a SOGAMA o 15% do que se lle envía hoxe, co correspondente aforro económico.

A medio-longo prazo:
Criazón de plantas comarcais/mancomunadas de compostaxe que xa permitan ao concellos desvencellarse totalmente de SOGAMA. Ao respeito, hai arestora numerosas liñas de financiamento, especialmente a nível europeo. Nestas instalacións xestionarianse tamén os plásticos e envases, outra fonte importante de ingresos (punto verde), alén da fracción orgánica.

Os concellos teñen o deber e a responsabilidade de promover unha xestión máis sustentábel dos recursos. E queda demonstrado que os residuos, son un recurso económico de primeiro nível. Convertéronse nun problema só porque SOGAMA/GN Fenosa quería ter o monopolio da súa xestión e lucrarse con eles.

Exit mobile version